Pestanas principais

A Concellaría de Promoción Económica xestionou dous millóns de euros dende o inicio da pandemia para apoiar aos sectores comercial, hostaleiro e empresarial de Ames

Mércores, 06 de abril de 2022

A Concellaría de Promoción Económica fai balance das actuacións que puxo en marcha nos dous últimos anos que estiveron marcados pola pandemia da Covid-19. Deste xeito, durante os dous últimos anos xestionou preto de dous millóns de euros para dinamizar o sector comercial e empresarial de Ames co obxectivo de paliar a crise económica derivada da pandemia. Concretamente xestionouse a contía de 1.979.556 euros, dos cales 666.038 euros foron achegados pola Deputación da Coruña (200.000 euros para adquisición do local do coworking A Proa e 466.038 euros da liña de axudas do PEL Reactiva) e o Concello investiu arredor de 1.313.518 euros de fondos propios).

Un dos eidos que máis se viu afectado pola crise económica derivada da pandemia da Covid-19 foi o sector comercial e hostaleiro. Debido a iso dende o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxéronse en marcha diferentes programas e campañas para tratar de paliar os efectos de dita crise. Deste xeito, dende o inicio da pandemia, en marzo de 2020, ata a actualidade xestionáronse 1.979.556 euros.

Días antes do inicio da pandemia a Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coas asociacións de empresarios e comerciantes do municipio, lanzou a campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada Comercio de Ames. Témolo todo! Esta campaña reforzouse durante a pandemia coa realización dun vídeo promocional do comercio amesá e outras accións promocionais e de publicidade como  o reparto de 6.000 bolsas co lema da campaña Comercio de Ames. Témolo Todo; con campañas publicitarias na Televisión de Galicia e nas liñas de autobús de Santiago a Bertamiráns e de Santiago ao Milladoiro; e coa campaña Axúdanos a Seguir, a través da cal se realizou o reparto de mandís nos establecementos hostaleiros.

Posteriormente no verán de 2020 creouse o programa Ameson que incluía diferentes actividades culturais, musicais e de entretemento ao aire libre durante as fins de semana. Este programa tivo continuidade durante o verán de 2021 e co Amesson Nadal tamén en 2021. No verán de 2020 tamén se puxo en marcha o programa Concilia co comercio no verán, a través do cal se impartiron talleres e obradoiros en Bertamiráns e no Milladoiro. A través destas iniciativas dinamizouse a actividade na rúa e por conseguinte o comercio e maila hostalaría local. En campañas de dinamización comercial e publicidade investíronse 117.832 euros.

No verán de 2021 tamén se creou o concurso de karaoke Canta con Ames que se puxo en marcha co obxectivo de dinamizar o sector comercial e que tivo un gran éxito de participación e tamén de público. Para a organización deste concurso investíronse arredor de 20.000 euros. O programa Ameson 2021 pechouse coa actuación da orquestra París de Noia e das tres gañadoras do concurso Canta con Ames.  
 
O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a capacidade do Concello de Ames para estar en momentos moi difíciles ao lado do empresariado e autónomos do municipio”. Pero por riba de todo destacou “o entendemento e sensibilidade de toda a Corporación municipal, xa que en momentos de necesidade fomos capaces de dar exemplo e unirnos todas as forzas políticas para sacar adiante axudas moi necesarias”.

Web informativa do Plan Reactiva Ames e pantallas informativas
Unha das primeiras actuacións feitas, incluída no Plan de reactivación económica para Ames, foi a posta en funcionamento dun espazo web informativo onde se recolle toda a información de interese para os afectados/as pola crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, a páxina web http://coronavirus.concellodeames.gal foi creada en maio de 2020 como un espazo para centralizar a información máis adaptada ao ámbito local e dun xeito máis directo. A esta actuación dedicáronse 10.000 euros.

En 2021 tamén se instalaron tres novas pantallas informativas (unha na entrada da Casa do Concello, outra na Casa de Cultura de Bertamiráns e unha terceira na Casa da Cultura do Milladoiro). Estas luminarias informan aos veciños e veciñas de Ames sobre avisos, programación e demais información relevante relacionada co Concello. Ademais, a través de ditas pantallas dáse difusión ao comercio local e aos programas de dinamización que impulsen dende o departamento de Promoción Económica. Esta iniciativa forma parte do proxecto "Ames Comercio Dixital", dependente do programa de "Proyectos Singulares" da Cámara de Comercio de España, cofinanciado con Fondos FEDER ao 80%.

Tarxetas bono
Unha das medidas que máis éxito tivo e está tendo é a posta en marcha das tarxetas bono para mercar no comercio local de Ames. A esta iniciativa en 2021 dedicáronse 189.400 euros para desenvolver dúas fases da campaña de tarxetas Merc@mes. Na primeira campaña de 2021 investíronse 89.000 euros, mentes que á segunda campaña do ano pasado destináronse 100.400 euros. A través desta campaña xerouse un volume de negocio de 430.000 euros. Durante este ano 2022 volveuse a realizar esta iniciativa baixo a denominación tarxetas bono Ames Progresa ao que se dedicaron 80.000 euros.

Convocatorias de axudas
Por outra banda, o Concello publicou no pasado mes de setembro de 2021 unha liña de axudas dotada con 145.000 euros incluída dentro do Plan Reactiva Ames. Esta convocatoria de axudas estivo dirixida á creación e consolidación de empresas para o mantemento do emprego e do tecido empresarial local. As axudas estiveron dirixidas ás persoas físicas e xurídicas que levan a cabo actividades empresariais ou profesionais e teñen o seu domicilio social e fiscal en Ames.

Ademais, este ano 2022 dentro do Plan Ames Progresa existe unha partida de 120.000 euros destinada a outra liña de axudas dirixidas ao sector comercial.

En 2020 tamén se convocou a liña de axudas do PEL Reactiva, cofinanciada pola Deputación da Coruña. A finalidade destas axudas foi facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que tivesen o seu domicilio fiscal no concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19. Estas axudas tamén se recollían dentro do Plan Reactiva Ames. O Concello destinou a esta liña de axudas un total de 582.547,86 euros (o Concello achegou 116.509,57 euros e a Deputación da Coruña concedeu 466.038,29 euros).

Por outra banda, nas convocatoria de axudas ao comercio local dos exercicios 2019, 2020 e 2021 investíronse 70.000 euros. Deste xeito, o montante económico dedicado a subvencións ascende a 941.054 euros, dos cales 847.547 corresponden a axudas directas ás empresas afectadas pola pandemia e 70.000 a axudas para as asociacións de comerciantes.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a forte aposta do Concello de Ames dende que se iniciou a pandemia para tratar de axudar e apoiar aos sectores comercial, hostaleiro e empresarial de Ames con preto de dous millóns de euros investidos en diferentes programas de dinamización comercial e diversas liñas de axudas”. Tamén destacou “a aposta da Deputación da Coruña a través do PEL Reactiva para axudar a estes sectores que tan mal o pasaron durante a pandemia”.

Campañas de Nadal
Nas campañas de Nadal de 2020 e 2021 o Concello tamén fixo unha forte aposta cun investimento de preto de 100.000 euros, para organizar actividades moi variadas co obxectivo de fomentar o comercio e a hostalaría local. En 2020 investíronse 33.052 euros, mentres que no Nadal de 2021 o investimento incrementouse ata os 60.340 euros. Organizáronse actividades de conciliación para que as familias puidesen mercar mentres os seus fillos e fillas se divertían xogando; recepcións de Papa Noel e dos Reis Magos; sesións de autocine; obradoiros de Nadal; concurso de escaparates, etc.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “desde a Concellería intentouse axudar desde o primeiro momento nesta dura situación ao comercio e á hostalería local. Agradecer ao persoal da Concellería de Promoción Económica o traballo destes dous últimos anos. Tamén a colaboración das tres asociacións do Concello; Xuntanza de empresarios de Ames, Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira, Bulebar, e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro, pola súa colaboración en distintos proxectos”.

Guía de empresas
Ademais, na actualidade estase elaborando unha Guía de Empresas para que, na medida do posible, se recolla a información máis fidedigna e actualizada das entidades comerciais e empresariais que existen no municipio. Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada pola veciñanza de Ames, para buscar posibles empresas que lles poidan interesar para que lles presten un servizo, así como para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.

Na actualidade contase cos datos de máis de 1.000 empresas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro (incluído o parque empresarial Novo Milladoiro), así como da zona rural do municipio. O proceso de recollida de datos finaliza neste mes de abril, aínda que se plantexa como un proceso continuo e aberto no tempo.

Coworking A Proa
Por último, cómpre destacar a importante aposta do Goberno municipal pola posta en marcha dun espazo de traballo destinado a fomentar o traballo colaborativo. O centro coworking A Proa foi inaugurado en novembro de 2021 con 36 postos de traballo para os sectores audiovisual e tecnolóxico. Na adquisición do local investíronse 575.000 euros. A Deputación da Coruña cofinanciou a adquisición do local cunha achega de 200.000 euros.  O importe restante de 375.000 euros púxoo o Concello de Ames. A este importe hai que sumarlle 84.670 euros máis para a posta en marcha do centro, compra de mobiliario, creación dunha APP sobre o coworking, e outros traballos que foron necesario realizar.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Casi dos kilos de promoción económica para dinamizar el comercio por la covid"

Enfoques: "El Concello de Ames gestionó 2 millones de euros en la pandemia para apoyar al tejido empresarial"

O Concello de Ames realizou a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”

Multimedia

  • Cartel da campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”
  • Cartel da campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada "Comercio de Ames. Témolo todo!"
  • Embedded thumbnail for