- Tematica
Os centros sociais das parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño acollen as clases de alfabetización dixital que se desenvolven para dar resposta a unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020. 90 persoas participan nestes cursos que organiza a concellaría de Cultura en colaboración coa concellaría de Economía e Facenda. A concelleira de Cultura, Natividade González, asistiu ás primeiras clases en Agrón e Trasmonte.
“É todo un orgullo comprobar como os nosos e as nosas maiores se interesan por estar ao día e non quedarse á marxe da vida dixital. A proposta destes cursos de alfabetización xa nos parecía interesantísima cando xurdiu como proposta nos Orzamentos Participativos; porén, comprobar “in situ” a ilusión e o interese co que o alumnado comezou as clases, fainos pensar que a nosa é unha sociedade realmente saudable”, manifesta a concelleira de Cultura Natividade González, logo de acudir as primeiras clases que se impartiron en Agrón e Trasmonte.
As clases que se iniciaron hai dúas semanas seguen a bo ritmo en todas as parroquias. Agrón e Trasmonte foron as primeiras en comezar, seguidas de Bugallido e Biduído, Auga Pesada e Covas, Tapia e Ameixenda e Ortoño. Dez prazas en cada unha das parroquias até completara as 90 que ofrecía o programa. Unha parte importante do alumnado son mulleres.
As clases estenderanse desde setembro até decembro, a razón de dúas horas semanais, até completar as 25 horas prácticas que establece o programa. O alumnado adquirirá formación en ofimática básica, navegación por Internet, almacenamento na nube, correo electrónico, seguridade na rede, redes sociais e uso de dispositivos móbiles e aplicacións básicas destes dispositivos.
O obxectivo principal deste programa é familiarizar aos veciños/as co uso das tecnoloxías da información e comunicación ensinándolle a incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado. Con este programa darase resposta á unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020.
Novas relacionadas:
Rl Correo Gallego: "Alfabetización digital para que lleguen a nueve parroquias las nuevas tecnologías"