Pestanas principais

A concelleira en funcións de Benestar Social e Igualdade fai balance

Mércores, 08 de xuño de 2011

[08-06-2011] A concelleira en funcións de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, compareceu en rolda de prensa para facer balance de todas as actividades e programas de servizos sociais que se desenvolveron durante os últimos catro anos. A contía anual destinada dende 2007 para sufragar os programas de servizos sociais e igualdade foi de arredor de 1,5 millóns de euros. Destes programas puidéronse beneficiar arredor de 2.000 persoas por ano. Todos os servizos sociais ofertados polo Concello de Ames están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo de aqueles con necesidades especiais. Esta rolda de prensa enmárcase dentro do programa que está levando a cabo o goberno en funcións de Ames para realizar un proceso de sucesión ordenada.

A concellaría de Benestar Social e Igualdade desenvolveu durante os últimos catro anos un conxunto de actividades e programas para a prestación de servizos sociais, a maior parte dirixidos á atención primaria. Axudas económicas para familias numerosas, actividades de envellecemento activo para os maiores, o servizo de transporte adaptado, a mellora de infravivendas, axuda a domicilio, son algún dos servizos que se desenvolveron dende este departamento e que están dirixidos á poboación do concello de Ames, que na actualidade conta con preto de 30.000 habitantes. Poboación que se encontra en continuo crecemento, polo que o número de persoas atendidas cada ano polos servizos sociais vai incrementándose.

Todos os servizos sociais ofertados pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade están destinados a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de todos os amienses, sobre todo aqueles con necesidades especiais e falta de recursos. Así, no concello de Ames desenvólvese unha serie de servizos sociais de atención primaria entre os que podemos encontrar un programa de información, orientación e asesoramento. A información que recibe cada veciño/a é persoal, directa e moi próxima a eles mesmos, coñecendo moito mellor a canle de acceso aos recursos sociais existentes e mellorando así a súa calidade de vida.

A concellaría de Servizos Sociais e Igualdade conta con 16 persoas dividas en diferentes áreas. Deste xeito conta con 5 traballadores/as sociais, 3 auxiliares administrativos/as, 2 educadoras familiares, 2 avogadas, 1 psicóloga, 1 pedagoga, 1 coordinador de voluntariado e 1 mediador intercultural. A maior parte destes programas foron sufragados con fondos propios do Concello. Ademais disponse de diferentes achegas de outras administracións dedicadas ao financiamento de diversas actividades e programas sociais.

As mulleres e os migrantes de Ames tamén teñen un servizo de atención dirixido a eles. Ás primeiras, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, e os migrantes, a través do Servizo de Atención a persoas Migrantes (SAMI).

O servizo de Atención á Muller está composto por unha traballadora social, unha auxiliar administrativa, unha asesora xurídica e unha psicóloga. Este servizo ofrece información e asesoramento a todas aquelas persoas que o reclaman. Tamén ofrecen asistencia xurídica a todas as mulleres que non dispoñen de recursos e realizan un importante traballo no eido da violencia de xénero organizando diferentes campañas co fin de concienciar á cidadanía na erradicación desta lacra social. As iniciativas postas en marcha dende este departamento nos últimos catro anos foron moi diversas. Deste xeito organizaron as primeiras xornadas sobre violencia de xénero nas que participaron a poetisa Yolanda Castaño ou a escritora e conferenciante, Gemma Lienas, entre outras personalidades.

Dende este departamento tamén organizaron todos os anos a conmemoración do Día da Muller Traballadora e do Dia Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Nesta última edición para conmemorar este día realizaron unha novidosa campaña "Sácalle tarxeta vermella ao maltratador". Para iso editou un cartel no que un bo número de personalidades do mundo da cultura, a ciencia, o deporte, a comunicación ou a política tanto de Ames coma do resto de Galicia denuncian a situación das mulleres maltratadas e a necesidade de oporse a esta lacra social. Ao mesmo tempo realizaron o Plan de igualdade, o Protocolo de coordinación entre os distintos axentes implicados na intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero, o programa de tele-asistencia móbil para mulleres vítimas de violencia de xénero, e elaboraron o primeiro plan de acción integral de loita contra a prostitución e erradicación da trata no Concello de Ames.

Inserción laboral
Este programa ten como finalidade favorecer a incorporación laboral daquelas mulleres que son vítimas da violencia e forman parte dun colectivo en risco de exclusión social, polo que se establece a súa preferencia á hora de acceder a contratos de traballo de 12 meses de duración, á participación en escolas obradoiro, á orientación profesional ou ás axudas ao autoemprego. Neste momento hai 5 mulleres contratadas a través deste programa. Se temos en conta os últimos catro anos, contratáronse unhas 20 persoas.

Todos estes programas conforman unha gran variedade de servizos, co mesmo obxectivo de axudar aos grupos máis necesitados e con menos recursos da sociedade amiense, facilitando deste xeito unha mellora da calidade de vida e da integración e interacción social.

Servizo de Atención Migrante (SAMI)

O SAMI está composto por un mediador intercultural e un asesora xurídica. Mediante este servizo búscase axudar ao asentamento da poboación inmigrante e retornada no noso concello nas mellores condicións para a súa integración social, así como facilitarlles a aprendizaxe da lingua galega e castelá, ademais de apoiar psicolóxica e emocionalmente a estas persoas para facerlles menos traumático o seu proceso migratorio. Dende o SAMI realízanse diferentes actividades, como poden ser as clases de español, obradoiros de lingua e cultura galegas e de teatro intercultural.

Actualmente este servizo atende de forma directa e personalizada a uns 1.800 estranxeiros que están empadroados no concello, ademais dos retornados, que tamén son considerados emigrantes. Dende a asesoría xurídica deste servizo atendeuse dende outubro de 2007, momento no que se comezou a prestar este servizo, unha media de 500 consultas para resolver diversas cuestións. No que vai de ano xa se realizaron unhas 260 consultas. Ademais dende este departamento, o mediador intercultural, traballa da man dos centros de ensino e centros socioculturais (IES de Ames, IES Eduardo Pondal e centro social Aurelio Aguirre) e doutros departamentos municipais para organizar diversas actividades como o obradoiro de lingua e literatura, o encontro intercultural, etc. A maiores, dende este departamento desenvolveuse o Plan local da cidadanía para a convivencia e a integración.

A Oficina Municipal de Voluntariado
Dende a concellaría de Benestar Social e Igualdade tamén se xestiona a Oficina de Voluntariado de Ames que está dirixida por un coordinador de voluntariado. Así, de xeito desinteresado, moitas persoas axudan aos máis necesitados ou desfavorecidos, tanto do concello como dos países máis pobres. Arredor de 30 voluntarios/as colaboran de xeito desinteresado para que se poidan realizar todos estes programas de voluntariado. Dende a OVA levan a cabo un programa de acompañamento a persoas maiores ou con algunha discapacidade ou o club de lectura. Tamén para maiores, leva sete anos funcionando a Escola Integral de Maiores, na que os nosos maiores aprenden as nocións máis básicas de lectoescritura ou afianzan os coñecementos que xa tiñan. Destas actividades beneficiaron arredor de 1.000 perdoas cada ano.

Dende a OVA tamén se desenvolve un programa de apoio escolar e actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social. Para levar a cabo este proxecto é fundamental a colaboración de cinco voluntarias. Este servizo ofrécese en Bertamiráns e no Milladoiro. O roupeiro municipal é outra das actividades que desenvolve a OVA. O pasado ano, debido ás dificultades económicas polas que están pasando moitas familias amienses este servizo recibiu un gran cantidade de solicitudes de roupa. Iso provocou que houbera que dobregar os esforzos das voluntarias ampliando o seu número ata nove voluntarias. Ao longo do ano 2010, foron entregados paquetes de roupa a aproximadamente 850 beneficiarios. Outras accións que levan a cabo é a recollida de gafas e medicamentos para o Sáhara e o mercado solidario.

Por último, dende a OVA tamén se realizan cursos impartidos por voluntarios, como poden ser o curso de español para estranxeiros que se desenvolven tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Este cursos está organizado en colaboración co SAMI. Ademais realizáronse outro tipo de cursos como o de viticultura no que participan 25 alumnos/as ou o curso de corte, confección e patronaxe.

Proxecto Adames
O taller ocupacional Adames tamén forma parte deste programa de inserción social, que supón un custo de 25.000 euros anuais. Este proxecto céntrase na posta en funcionamento dun programa prelaboral para persoas con algún tipo de discapacidade residentes no concello de Ames. Todas as actividades desta aula están dirixidas a aumentar a calidade de vida das persoas con discapacidades gravemente afectadas do concello de Ames.

Este servizo ten por finalidade a habilitación social e a promoción profesional das persoas con discapacidade tendo en conta as súas necesidades e as posibilidades existentes na súa zona de residencia, de forma que lles permita superar os obstáculos que lles supón a súa minusvalía de cara a conseguir a integración laboral e social. A participación destas persoas nas diferentes actividades que se desenvolverán na aula, supón, ó mesmo tempo, unha situación de respiro familiar, na medida en que ofrece a posibilidade de ocupar o seu tempo á marxe do ámbito doméstico.

ADAMES non parte de cero neste proxecto, xa que dende o ano 1999, promovida polos Servizos Sociais Municipais, se está a traballar na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e os seus familiares. Accións desenvolvidas durante este tempo e que avalan a experiencia desta entidade neste campo son: información e asesoramento tanto ós usuarios coma ás súas familias, sensibilización social, programas de rehabilitación psicosocial, adestramento en habilidades e hábitos laborais, formación en habilidades sociais, habilidades da comunicación, autodirección, ocio e tempo libre, etc.

Todos os anos, con motivo do día internacional da Discapacidade, o Concello de Ames organiza unhas xornadas de postas abertas para dar a coñecer os traballos realizados polo alumnado da aula ocupacional Adames e pór en valor a súa contribución á sociedade. Normalmente organízase unha exposición cos produtos creados polos asistentes a este taller de ocupacional. Dende produtos de papelaría elaborados á man con elementos naturais e deseños orixinais ata bandexas de cristal, son algúns dos produtos que elaboran os alumnos desta aula ocupacional nos diferentes obradoiros que realizan.

Transporte adaptado
Outros dos proxectos levados a cabo pola concellaría é o proxecto de transporte adaptado. Este servizo, que está dirixido ás persoas con dificultades de mobilidade, persoas maiores que viven soas, inclúe os servizos dunha condutora e un auxiliar de transporte que recollen aos usuarios na súa casa e os trasladan aos lugares aos que necesiten ir: ao médico, á administración para realizar os seus trámites, a eventos sociais, etc. O microbús dispón dun total de 11 prazas, 9 prazas para persoas sentadas e 2 para cadeira de rodas. Este servizo sacouse a concursos e neste momentos os técnicos están facendo a valoración das ofertas presentadas.

A través do programa de transporte adaptado, do que se beneficiaron durante os últimos catro anos arredor de 1.500 usuarios, as persoas con problemas de mobilidade teñen a posibilidade de realizar tarefas diarias, tales como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais (escola de maiores, cursos, xornadas, actos deportivos, etc.), que doutro xeito non poderían desenvolver. Actualmente, este programa está xestionado e sufragado integramente pola Administración local.

Programa de educación familiar
A través do asesoramento de dúas educadoras familiares ofrécese un servizo de educación familiar e social para axudar e orientar a todos aqueles usuarios/as que reclamen axuda para buscar unha saída aos problemas ocasionados no núcleo familiar. Durante os últimos catro anos 120 familias acolléronse ao programa de educación familiar.

O seguimento das familias realizase con visitas semanais ou diarias segundo as necesidades, para ver se cumpren os obxectivos do programa de educación familiar personalizado para cada caso. Para cada unha destas familias fíxose un programa axeitado ás súas necesidades, e realizouse un seguimento e unhas actuacións específicas para cada familia ou usuario/a.

Axudas para as familias
A concellaría de Benestar Social e Igualdade tamén ofrece un programa básico de axuda para as familias con menos recursos. A través do programa de axuda a domicilio préstase servizo a todas aquelas persoas que necesitan da axuda doutra para realizar actos tan cotiás como levantarse e deitarse. Así tamén se ofrece apoio no coidado e na hixiene persoal, así como para vestirse, no control do seu réxime alimentario, na administración de fármacos, no mantemento da salubridade e hixiene da vivenda e sobre os coidados básicos da mesma. Inclúe ademais actividades de acompañamento e socialización do beneficiario, atención a distancia mediante dispositivos de teleasistencia ou adaptacións funcionais do fogar ás súas necesidades. Na actualidade estanse atendendo a 72 familias a través deste programa, que é a media dos últimos catro anos.

Tamén se leva a cabo dende a concellaría o servizo de axudas de emerxencia social municipal, co que se pretende que todas as persoas que o necesiten reciban unha cobertura inmediata de necesidades primarias. Así, dende 2007 atendéronse a unha media de 40 familias por ano que estaban en situación de emerxencia social. Con elo axúdase a familias en dificultades para sacar adiante aos seus fillos aportándolles unha determinada cantidade económica coa que pagar gastos derivados de alimentación, vestido, educación, etc.

Dende o Concello tamén se proporcionan axudas económicas para as familias numerosas. Este ano xa saíu a convocatoria desta axuda á que se presentaron 128 familias. Nestes momentos estase co proceso de valoración das solicitudes presentadas. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico a todas aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Nos últimos catro anos recibiron esta axuda arredor de 80 familias por ano que dispuxeron dun axuda de 1.200 euros.

Programas para os maiores
O bonobús destinado a xubilados, pensionistas, persoas con algún tipo de discapacidade e casos de emerxencia social, para os traxectos de ida e volta entre Ames e Santiago, é outros dos gastos sufragados pola Administración local. Todos os beneficiarios poden adquirir un talón de desconto do 100% do custo para 20 viaxes ao mes. A día de hoxe son máis de 3.000 as persoas que fan uso do servizo de bonobús.

Amessan, é un programa de atención á terceira idade mediante o que se realizan distintas actividades co fin de conseguir a integración social, así como evitar o seu illamento favorecendo as relacións persoais e sociais. A este programa asisten arredor de 400 persoas anuais que participan en actividades de ximnasia terapéutica, expresión a través das mans, expresión musical, baile de salón e nos obradoiro de memoria, que se desenvolven nos distintos locais sociais de todas as parroquias do municipio.

Ademais desenvólvese o programa Sanauga que se presenta como unha alternativa de deporte saudable destinado a un colectivo que conta cunhas necesidades de coidado e mantemento moi específicas. Este programa encamíñase sobre todo a atender as necesidades da terceira idade e de xente con algún tipo de discapacidade física, indo máis alá do simple exercicio na auga. Trata de favorecer o benestar físico dos e das participantes, minorando as dores de doenzas nos ósos ou na musculatura por medio de actividades que non requiran un gran esforzo e tendentes á relaxación corporal. Actualmente son 55 as persoas que participan nestas actividades. Se temos en conta os últimos catro anos foron preto de 300 os beneficiarios.

Plan municipal de infravivenda
O obxectivo deste plan é arranxar as vivendas ou infravivendas das persoas máis necesitadas do concello que carezan da posibilidade económica de pagar os custos das reformas que necesita nos seus fogares seguindo uns estritos criterios de habitabilidade. A seguridade física das persoas que habitan estas vivendas así como unhas boas condicións hixiénico-sanitarias, os metros cadrados necesarios para ser habitable e unha boa instalación dos servizos de auga e electricidade son algúns dos factores incluídos nos criterios de habitabilidade. Durante o último ano o Concello executou obras de mellora en cinco infravivendas. Durante os últimos catro anos incluíronse dentro deste programa unha media de cinco vivendas por ano.

Iniciativas solidarias
Pero as achegas do departamento de servizos sociais non remata aí porque ademais ten marcha unha serie de iniciativas solidarias como son o programa "Vacacións en Paz" a través do que a asociación galega Solidariedade co Pobo Saharauí trae ao concello a 5 rapaces/as para que gocen durante xullo e agosto de dous meses de paz inmersos noutra cultura, ao tempo que se lle ofrece unha atención sanitaria de calidade á que non teñen acceso nos campamentos de refuxiados. Os rapaces son acollidos por 5 familias de Ames que os coidan durante eses dous meses de verán lonxe das altas temperaturas e da violencia que sofren no seu país. A este programa en 2011 adícanse 4.450 euros. Nos últimos catro anos visitaron Ames un total de 20 nenos/as a través deste programa.

O Concello de Ames tamén é membro do Fondo Galego de Cooperación para a Paz. Deste xeito colabora achegando algunhas contías económicas para determinados proxectos de axuda, reconstrución ou mellora da situación de lugares do terceiro mundo con especiais necesidades desenvolvemento de servizos básicos como alimentación, atención médica, proxecto de mellora da salubridade e condicións de vida dos habitantes das zonas escollidas, etc.

Colaboración con JUPEMI
Tamén o longo destes últimos catro anos se colaborou co Club de Jubilados e Pensionistas de Milladoiro a través do cal o Concello lle abona a cantidade de 1.200 euros mensuais para o pagamento do aluguer do novo local que ten a asociación na rúa Figueiras.

Existe outro convenio, neste caso entre o Concello e a asociación Arcea Adames, a través do cal a Administración local sufraga as actividades que desenvolven os alumnos/as da aula ocupacional que esta asociación ten no Milladoiro. Cada ano achégase a contía de 6.500 euros para financiar o transporte das pequenas pezas de ferralla que os alumnos da aula ocupacional do Milladoiro realizan e coas que aprovisionaron a diferentes empresas de Galicia.

Por último hai que salientar que nos últimos catro anos aprobáronse as ordenanzas de axuda a domicilio e de expedición de tarxetas de accesibilidade. Neste momento está pendente de levar ao Pleno a ordenanza de emerxencia social, que conta con todos os informes favorables dos técnicos municipais e que só falta que sexa aprobada pola nova corporación amiense.

A concelleira en funcións de Servizos Sociais e Igualdade, Isabel González, agradeceu "o traballo de todas e todos os traballadoras e traballadores da concellaría polo seu traballo arreo no día a día e pola profesionalidade mostrada durante estes anos. Gracias a elo foi posible levar a cabo todo o traballo diario e os distintos proxectos que se executaron ao longo destes catro últimos anos. Tamén quero agradecer a todo o persoal do concello polo súa colaboración e disposición sempre con esta concellaría . Gracias a todos".



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames destinó 1,5 millones al año para programas Benestar e Igualdade"