- Tematica
Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do novo Club Xuvenil de Ames, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Mocidade. Neste grupo poderán participar ata 30 mozos e mozas de entre 13 e 18 do Concello de Ames, e as actividades que se leven a cabo estarán coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa. As actividades estenderanse de marzo a decembro, facendo un parón durante o verán nos meses de xullo e agosto.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, presentou esta mañá na Casa do Concello en Bertamiráns o novo Club Xuvenil de Ames. Durante o acto estivo acompañada polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; e pola técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde. Tamén asistiron tres representantes da empresa Aquelando SL.
Durante a presentación, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, sinalou que o feito de que Ames sexa o concello máis novo de Galicia “é unha oportunidade para crear asociacionismo xuvenil, para promover a participación activa e toma de decisións sobre as súas propias propostas, con proxectos e actividades que repercutan na veciñanza, sendo así unha parte activa da vida municipal”. Ademais, tamén explicou que a creación deste club “está ligada ao plan de saúde mental que temos previsto lanzar este ano. Hai moitos mozos e mozas que sofren ansiedade, depresión, ou aos que lles costa socializar, e con esta iniciativa buscamos axudar á xente nova, que cremos é un dos colectivos máis esquecidos neste eido”.
Nesta mesma liña expresouse a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde, que afirmou que “este club pretende ser un espazo de encontro, aberto e plural, onde os mozos poidan dar resposta ás súas inquedanzas, ás súas preocupacións e aos seus intereses con diversos proxectos e actividades”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que nesta iniciativa tamén estará incluída a mocidade con diversidade funcional: “Traballaremos todas as actividades que poidamos de forma conxunta, inclusiva, pero tamén imos adicar unha parte a actividades específicas que melloren a súa calidade de vida, a súa autonomía e a súa vida social”. Neste caso, o rango de idade será máis amplo: entre os 13 e os 25 anos. Así mesmo, convidou ás familias a colaborar con esta iniciativa e a traballar conxuntamente para ir mellorando os servizos do club para diversidade funcional.
O encargado de pechar a presentación foi o alcalde de Ames, Blas García, que explicou que este club dá resposta a unha das reclamacións máis frecuentes por parte da veciñanza: “a de xerar actividades e espazos para a mocidade; unha mocidade á que en moitos casos non lle estamos dando fórmulas para facer cousas”. Tamén sinalou a importancia da escoita activa neste eido, onde o importante non é “facer cousas para a mocidade, senón facelas coa mocidade”. Por último, anunciou que “este é un paso previo á creación dun Consello municipal da Mocidade, que permitirá vertebrar as necesidades e demandas dos máis novos e cohesionar aos mozos e mozas de todo o concello”.
Club Xuvenil
Con este novo club búscase crear un grupo de acción xestionado e dirixido polos propios mozos e mozas do concello. Ao longo desta semana, membros de Aquelando SL visitaron os institutos de Ames para presentar o club aula por aula, cunha pequena dinámica de 10-15 minutos. Ademais, o vindeiro sábado 2 de marzo, ás 11:00 horas, haberá unha primeira xuntanza coas familias no local da Factoría para explicarlles este proxecto e aclarar as dúbidas que poidan xurdir.
A base deste club serán as xuntanzas quincenais de dúas horas que se farán o primeiro e terceiro sábado de cada mes. Porén, non se decidirán os días ata ter a primeira xuntanza cos mozos e mozas. Os días seleccionados están suxeitos a modificacións, ben por preferir outros días fixos ou porque na proposta de actividades de club sexa mellor cambiar algún de xeito puntual para facer algunha actividade concreta. Haberá un horario fixo de referencia, pero este tamén poderá ir variando segundo conveña á programación das actividades.
Será o propio grupo, formado por ata 30 persoas de entre 13 e 18 anos, o que marque o ritmo e as actividades. As propostas partirán dos propios mozos e mozas e, na medida do posible, tentarase facer todas as que se propoñan e se decida entre todos que son viables tendo en conta os recursos de que dispón o club.
Unha vez cada tres meses, o club propoñerá facer unha actividade máis grande, de medio día ou día enteiro, co obxectivo de que tamén poidan participar tamén os mozos e mozas do concello que non pertenzan ao club. A idea é que sexan actividades culturais, ambientais ou de dinamización, que repercutan en toda a veciñanza.
O proxecto tamén contempla facer cada trimestre (abril, setembro e decembro) unha saída de dous días a diferentes lugares de Galicia (Cabana de Bergantiños, Narón, Porto do Son), durmindo en albergues xuvenís, organizando a fin de semana entre todos, coñecendo sitios novos, afianzando ao grupo e avanzando cos mozos e mozas en responsabilidade, toma de decisións e autonomía.
Todas as actividades estarán coordinadas por 2 monitores/as con titulación e experiencia da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa do Concello de Ames, situado no parque empresarial do Milladoiro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames crea un Club Xuvenil para debatir ideas, «facer cousas» y promover el asociacionismo"
El Correo Gallego: "Presentan un nuevo Club Xuvenil para que la chavalada de Ames gestione sus actividades"