- Tematica
Esta mañá presentouse na Casa do Concello unha nova iniciativa na que colaboran o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, o Bertamiráns FC e maila asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) co obxectivo de recadar fondos para o programa Vacacións en Paz 2023. Deste xeito, a contía recadada a través da venda de entradas para o partido Bertamiráns FC – SD Urdilde, que se disputará este domingo 20 de novembro, será doada a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. O custe das entradas será de 4 euros. Ademais, venderanse rifas e haberá un stand informativo de SOGAPS durante a xornada do domingo na área deportiva de Bertamiráns.
Susana Señorís, concelleira de Deportes, Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS, e Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, foron as persoas encargadas de presentar esta nova iniciativa que ten o obxectivo de recadar fondos para o programa Vacacións en Paz 2023.
O partido de fútbol que se disputará este domingo 20 de novembro, ás 17.30 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e maila SD Urdilde terá un claro compoñente solidario xa que o importe recadado pola venta de entradas será doado á entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) para sufragar o programa Vacacións en Paz. O custe das entradas será de 4 euros (a entrada terá un custe único para socios e non socios).
Bertamiráns FC e SD Urdilde disputarán o encontro correspondente a décimo primeira xornada da categoría de segunda Galicia. Prevese un partido igualado xa que o Bertamiráns FC é terceiro e a SD Urdilde está cuarta na clasificación. Ambos teñen 20 puntos e están a tres puntos do líder que é o Praíña SP. Será un partido importante para ambos equipos, pero ademais servirá para recadar fondos para SOGAPS.
Programa Vacacións en Paz 2023
A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) vén de poñer en marcha un ano máis o programa Vacacións en Paz e está en busca de familias amesás que queiran acoller a nenos ou nenas saharauís durante dous meses de verán. Trátase dun programa de acollida no que centos de nenos e nenas que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia) pasan o verán en Galicia.
Esta iniciativa permite que os cativos e cativas escapen das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como que pasen revisións médicas, aprendan galego e castelán e se evadan da súa realidade durante unhas semanas. Para máis información sobre o programa ou o proceso de inscrición, ou para resolver dúbidas, pódese escribir a sogaps.oficial@gmail.com ou chamar ao 678 727 382.
Presentación do partido solidario
Susana Señorís explicou que “este domingo imos ter un partido no que se van enfrontar o Bertamiráns e o Urdilde. Neste caso vai ser un pouco máis especial, porque todo o recadado irá destinado ao programa Vacacións en Paz, que ano tras ano se está facendo aquí en Ames, onde acollemos a nenos e nenas saharauís durante xullo e agosto. Debido á pandemia estas actividades solidarias tivéronse que paralizar, antes facíamos actos deportivos e ceas para recadar fondos. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre contan con nós para a acollida dos nenos/as. Quero agradecer unha vez máis que leven a cabo esta iniciativa, e a Budiño, coma sempre, pola súa boa disposición”.
A concelleira de deportes tamén convidou “a todos os veciños e veciñas de Ames, así como á xente da contorna a que se acheguen este domingo a ver este partido de fútbol e colaborar con esta causa. A entrada son catro euros, e todo o que se recade irá destinado para sufragar eses gastos que poida haber, e que, en lugar de acoller cinco nenos, vamos a dicir que veñan dez. Creo que é unha experiencia moi enriquecedora, non só para as familias de acollida. Para eles é unha gozada. Animo a todos non só a que veñan a este partido, senón a que tamén participen en dito programa e poidan ofrecer un verán distinto a estes rapaces”.
Por outra banda, Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS, dixo “en nome de SOGAPS estamos encantados de volver estar na nosa casa, no Concello de Ames, e poder realizar esta iniciativa marabillosa. Foi chamar á porta do Bertamiráns, e, ao igual que no Concello sempre se nos abren as portas, no Bertamiráns tamén. Non é a primeira vez que chamamos, hai xa equipaxes deles nos campamentos, hai nenos vestidos do Bertamiráns nos campamentos de refuxiados. Teñen botas, balóns... Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como vai ser o do domingo. Sabemos que é moi difícil facer iso, e por iso desde SOGAPS estamos enormemente agradecidos de que poidan colaborar con esta achega solidaria con nós, e oxalá podamos chegar a traer a unha ducia de nenos e nenas e volvamos a recuperar Vacacións en paz como estaba xusto antes da pandemia”.
Esther Ybarra tamén explicou que non só se trata das entradas. “A iniciativa da directiva do Bertamiráns pasa porque xa dende o sábado estaremos vendendo rifas grazas á achega do restaurante Milongas, que cede unha cea. Os nenos e nenas do club de Bertamiráns estarán vendendo rifas durante todo o sábado, e o domingo durante todo o día colocaremos un stand solidario para dar información, achegaremos coa entrada información de Vacacións en Paz, e intentaremos conseguir que aparezan máis familias, como mínimo esa ducia, que é o meu obxectivo e o obxectivo de SOGAPS, e tamén do Concello, intentar sumar máis familias e máis nenos”.
Situación nos campos de refuxiados
Segundo explicou Esther Ybarra “a situación destes dous anos nos campamentos foi terrorífica. Se aquí é complicada a subida da cesta da compra, a da luz... alí directamente non chega a axuda neste momento. A situación que pasamos aquí no primeiro mundo repercute moitísimo nos campamentos de refuxiados. Sempre dicimos que desde SOGAPS o programa máis bonito ou o que máis se coñece é o de Vacacións en Paz, pero SOGAPS o que fai é axudar aos campamentos durante todo o ano, facendo recollidas de alimentos, de medicinas, de material deportivo...”.
“Nesta ocasión parte desa recadación temos pensado enviala para esa cesta de alimentos que eles teñen nos campamentos, axudarlles a pasar estes dous meses tan duros de inverno; e tamén para enviarlles axuda económica e que poidan comprar alí nos campamentos pasta, arroz, atún, sardiñas en lata... algo que poida manter esta cesta que neste momento está tan baixa de alimentos. Sempre conto que alí a forma de traballar con respecto ao reparto de alimentos é cunha cartilla de racionamento. Se chega moita axuda humanitaria poden comer ao mellor un quilo por persoa ao mes, se non báixase a medio quilo, trescentos gramos... o que poidan repartir”.
“A comisión sanitaria que viaxa aos campamentos regularmente non o puido facer durante a época da pandemia, agora estano facendo, cada dous meses van, levan as medicinas dos nenos e nenas que estiveron aquí en Galicia este verán. Outra das cousas fundamentais, ademais deste esforzo solidario que vai facer o Bertamiráns, é que todos estes eventos serven como unha plataforma para dar visibilidade ao que fai SOGAPS e ao programa de Vacacións en Paz. Estou segura de que cos donativos das entradas imos conseguir familias de acollida o domingo”.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Fútbol solidario o domingo en Bertamiráns"