Pestanas principais

Concello e Deputación preséntanlle o proxecto de rehabilitación da Ponte Cabirta á Plataforma pola defensa do río Sar

Mércores, 22 de xullo de 2020

Os concelleiros de Promoción do Patrimonio Histórico, David Santomil, e de de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e mailo deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas, realizaron unha visita á Ponte Cabirta, para presentarlle o proxecto de rehabilitación de dita ponte ao diferentes membros da Plataforma pola defensa do río Sar. A obra conta cun orzamento total de 36.000 euros, dos que 27.000 euros serán investidos pola Deputación e 9.000 euros polo Concello de Ames. O proxecto foi redactado por Manuel Durán.

A rehabilitación da Ponte Cabirta está máis preto de ser unha realidade. O pasado venres, 17 de xullo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción do Patrimonio Histórico do Concello de Ames, David Santomil, asinaron o convenio para o financiamento das obras de rehabilitación da Ponte Cabirta.

Trala sinatura de dito convenio, esta semana os concelleiros de Promoción do Patrimonio Histórico, David Santomil, e de de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e mailo deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas, realizaron unha visita á Ponte Cabirta, para presentarlle o proxecto de rehabilitación de dita ponte ao diferentes membros da Plataforma pola defensa do río Sar.   

Deste xeito, seguindo a liña de colaboración que se ven mantendo coa Plataforma pola defensa do río Sar, o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña pretende realizar ditas obras co obxectivo de realzar o valor patrimonial e ambiental que ten a Ponte Carbirta. Precisamente, a rehabilitación desta ponte simboliza a necesaria recuperación deste patrimonio municipal, a través do cal se protexe e consolida os bens existentes no termo municipal de Ames.

Nas vindeiras semanas farase unha limpeza nesta zona do río Sar, xa que existen diferentes restos de madeira e troncos acumulados na contorna da Ponte Cabirta. Ademais, o antes posible aprobarase o expediente de licitación de ditas obras. O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a reparación do lousado das ribeiras.

Características do proxecto
Nas zonas que conten con lousado danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase zahorra estabilizada con cal hidráulica.

A actuación contará tamén con tarefas de desbroce en ambas marxes, nunha franxa de 6 metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

A construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha varanda de tubo de 30 milímetros de diámetro na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos. A obra suporá tamén a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.

Novas relacionadas:

Revista Ames Go: "A rehabilitación da Ponte Cabirta, máis próxima"

Imaxe da visita á Ponte Cabirta

Multimedia

  • Plano das obras de rehabilitación que se van a executar na Ponte Cabirta
  • Imaxe do estado actual da Ponte Cabirta