Pestanas principais

Consulta a actualización das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para facer fronte á Covid-19 que entraron en vigor ás 00.00 horas deste venres 5 de marzo

Venres, 05 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia publicou no DOG este xoves, 4 de marzo, a Orde do 4 de marzo de 2021, pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro,  pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Trátase dunha actualización das medidas vixentes dende o pasado 26 de febreiro. O máis relevante de dita actualización é que se amplía o prazo para que o sector hostaleiro teña en funcionamento o sistema de rexistro con código QR. Deste xeito coa nova orde dáse de prazo ata o día 12 de marzo de 2021. É moi importante seguir cumprindo as medidas de restrición para non dar pasos atrás. Preme nesta ligazón para consultar a actualización das medidas que acaban de entrar en vigor.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este xoves, 4 de marzo de 2021, a Orde do 4 de marzo de 2021, pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro,  pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e mailo Decreto 37/2021 do 4 de marzo, polo que se modifica o Decreto 312021 do 25 de febreiro, de medidas fronte a Covid-19, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Trátase dunha actualización das medidas vixentes dende o pasado 26 de febreiro. O máis relevante de dita actualización é que se amplía o prazo para que o sector hostaleiro teña en funcionamento o sistema de rexistro con código QR. Deste xeito coa nova orde dáse de prazo ata o día 12 de marzo de 2021.

Lémbrase que nesta nova etapa de restricións é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. O uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 662 099 944 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Liberdade de entrada e saída do municipio de Ames
Está permitida a mobilidade dentro da Comunidade da Autónoma polos concellos que se atopen no mesmo nivel que Ames. Ames atópase no NIVEL C. Tan só se poderá entrar en concellos cun NIVEL diferente nos seguintes casos:

-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Coidado de hortas e animais.
-Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.
-Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos pola Orde da Consellería de Sanidade, do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá establecer requisitos, condicións e limitacións aos desprazamentos correspondentes á actividade deportiva federada de ámbito autonómico.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións establecidas. En todo caso, recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible.

Restricións ás agrupacións de persoas
Polo territorio dos concellos que se atopan no NIVEL C, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de catro persoas, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de catro persoas.

As limitacións establecidas exceptúanse nos seguintes supostos e situacións:
-As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.
-A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.
-A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.
-A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
-No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
-As actividades previstas no anexos da Orde da Consellería de Sanidade, do 25 de febreiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Hostalería e restauración
En Ames, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co cincuenta por centro (50%) da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30%. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.

O horario de peche ao público será ás 18.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse ás medidas aprobadas pola da Consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

Outras medidas aprobadas
-As instalacións deportivas poden abrir. Pódese facer deporte en grupos de ata 4 persoas non conviventes na práctica deportiva exterior e interior.
-A restrición de mobilidade nocturna comeza ás 22.00h e remata ás 6.00 horas.
-Os actos culturais pódense realizar cunha limitación do 30% aforo.
-No comercio o aforo será o 50%.
-En vehículos particulares permítense viaxes de ata 4 persoas NON CONVIVENTES, agás conviventes e desprazamentos de traballo.
-O mercado ambulante dos sábados en Bertamiráns continúa EN SUSPENSO.
-Procédese a apertura de parques infantís, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre con limitación de aforo.

Cartel coas medidas de restrición que están en vigor

Multimedia

  • Cartel informativo sobre o plan de hosteleria segura