- Tematica
A Xunta de Galicia publicou no DOG este mércores, 14 de abril, a actualización das medidas para facer fronte á Covid-19, que entran en vigor ás 00.00 horas deste venres 16 de abril de 2021. O Concello de Ames atópase en nivel D cunha unha incidencia inferior a 150 casos por 100.000 habitantes. O máis relevante é o atraso do horario de toque de queda ás 23.00 horas, e as medidas de hostalería que afectan a posibilidade de que os restaurantes ofrezan servizo de cea. É moi importante seguir cumprindo as medidas de restrición para non dar pasos atrás. Preme nesta ligazón para consultar a actualización das medidas que entran en vigor.
A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este mércores, 14 de abril de 2021, a ORDE do 14 de abril de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e mailo Decreto 59/2021 do 14 de abril polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
O concello de Ames atópase no nivel D de restricións, xa que ten unha incidencia inferior a 150 casos por 100.000 habitante. Aínda así, incídese en que é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 662 099 944 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.
Coa actualización de medidas ditadas pola Xunta de Galicia atrásase nunha hora o horario de comezo do toque de queda que queda establecido dende as 23.00h ata as 6.00 horas.
Ademais, cómpre destacar que se segue permitindo a mobilidade por toda Galicia, excepto a entrada e saída nos concellos do Grove, A Pobra do Caramiñal e Carballeda de Valdeorras. Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións establecidas. En todo caso, recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible.
Restricións ás agrupacións de persoas
En Ames limítase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de 4 en espazos pechados, e de 6 en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo destas será de 4 ou 6 persoas en función de si se reúnen en espazos pechados ou abertos. En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.
Hostalería e restauración
Outra das novidades é que os establecementos que teñan título municipal habilitante de restaurante disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 23.00 horas, exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos que se determinen para este caso nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, que veñen a ser:
- A xestión da ocupación das mesas para o servizo de ceas deberá levarse a cabo mediante a reserva ou citación previa.
- Co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID-19, levarase un rexistro dos clientes do servizo de ceas que inclúa nome e apelidos, DNI e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante polo menos un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.
- Garantirase a correcta ventilación do local que se obxectivará a través da utilización de dispositivos medidores de CO2, que deberán dispor dunha pantalla que mostre os niveis de CO2 en tempo real nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar a marcación CE. A obriga de utilización de dispositivos medidores de CO2 terá efectos a partir das 00.00 h. do día 23 de abril de 2021.
Para o resto de establecementos hostaleiros o horario de peche ao público segue sendo ás 21.00 horas. En todo caso, deberase asegurar que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas, e respectaranse nas mesas as limitacións que se establezan para grupos de persoas no correspondente ámbito territorial (6 en exterior e 4 en interior).
Outras medidas importantes
-O mercado ambulante volve a celebrarse en Bertamiráns os sábados.
-As instalacións deportivas están abertas. Permítense grupos de ata 4 persoas non conviventes na práctica deportiva interior e de 6 ao aire libre.
-En vehículos particulares permítense viaxes de ata 4 persoas sexan ou NON CONVIVENTES.
-Pódense realizar actividades culturais nos auditorios municipais (cun 30% do aforo).
-Están abertos os parque infantís, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre con limitación de aforo.