Pestanas principais

Consulta os horarios e frecuencias da campaña "O bus que me leva!" no apartado de Transporte da web municipal

Mércores, 02 de febreiro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar a campaña “O bus que me leva!”, para informar dos horarios e liñas do transporte metropolitano que pasa polo municipio amesán. A través desta campaña elaborouse un mapa coas liñas de autobús que pasan por Ames. Ao mesmo tempo, localizáronse e sinalizáronse todas as marquesiñas e paradas de bus, onde se colocaron os horarios e frecuencias que pasan por cada unha das paradas. Toda esta información pódese atopar no apartado de Transporte da web municipal. O obxectivo é ofrecerlle á veciñanza unha información precisa e útil. Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros. Unha vez pasado dito período colocarase a información definitiva.

A Concellaría de Mobilidade vén de lanzar a campaña O bus que me leva! A través desta iniciativa trátase de achegarlle á veciñanza información detallada das liñas e dos horarios do servizo de transporte metropolitano. Esta campaña está baseada en tres elementos fundamentais: marquesiñas, mapa-bus e horarios. Deste xeito, en cada marquesiña están publicados os horarios acompañados dun mapa-bus, que indica o percorrido da liña e mailos enlaces con outras se fosen de interese para os/as usuarios/as. Toda esta información pódese consultar no apartado de Transporte da web municipal.

É importante destacar que en cada marquesiña colocouse exclusivamente información sobre os horarios e frecuencias que pasan pola parada onde está situada dita marquesiña. Ademais, aproveitouse esta campaña para numerar as marquesiñas dos núcleos urbanos. Dita numeración das marquesiñas de O Milladoiro e Bertamiráns é necesaria, posto que, en bus.gal aparecen co nome de antigos establecementos que hoxe en día xa non existen.

A información colocada nas marquesiñas está pensada fundamentalmente para as persoas máis maiores, indicando a hora aproximada de saída da parada (a hora refírese a saída dende a parada situada no termo municipal de Ames) e hora de chegada a destino, podendo ver as paradas intermedias. Para a mocidade e persoas que se manexan cos dispositivos móbiles poderán escanear o código QR que lles levará a información publicada na páxina web do Concello de Ames.

Horarios provisionais
Estes horarios estarán colocados de xeito provisional durante un mes coa finalidade de detectar posibles erros. Unha vez pasado dito período colocarase a información definitiva. É importante destacar que o Concello non ten competencia no transporte metropolitano, que toda a información recadada procede da páxina bus.gal e das páxinas web das empresas concesionarias.

Solicítase a colaboración veciñal para detectar posibles erros na información provisional de horarios e frecuencias que está colocada nas marquesiñas. Os erros detectados pódense comunicar a través do enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal ou polo WhatsAmes 606 71 41 63.

En todo caso, unha vez se publiquen os horarios definitivos, dita información estará supeditada a posibles cambios que realice a empresa concesionaria, Monbus, que presta o servizo de transporte metropolitano que xestiona a Xunta de Galicia.

Informar para fomentar o transporte público
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destaca que “a través de dita campaña preténdese informar e fomentar a utilización do transporte público. Trátase de potenciar o transporte urbano xa que é clave para apostar por unha mobilidade sostible. Para que a veciñanza empregue o transporte público é fundamental dispor dun bo servizo e coñecer os horarios e frecuencias. Isto foi o que nos impulsou a facer esta campaña informativa”.

Ademais, anima á veciñanza a colaborar nesta campaña dando conta de todos os erros que detecten nos horarios e frecuencias provisionais que estarán colocados na web municipal e nas marquesiñas durante un mes. Unha vez finalizado dito período colocaranse os horarios e frecuencias definitivas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Publicitan os horarios do bus para avisar de cambios"

Cartel da campaña O bus que me leva!

Multimedia

  • Cartel da campaña O bus que me leva!
  • A través desta campaña elaborouse un mapa coas liñas de autobús que pasan por Ames
  • Marquesiña da zona do rural
  • Marquesiña da zona do rural
  • Marquesiña da zona do rural