Pestanas principais

Continúa aberto o período de selección para a edición 2024-2025 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión

Xoves, 14 de novembro de 2024

O prazo de solicitude de praza no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2024-2025) está aberto ata o día 29 de novembro. Nesta edición, o programa conta con 100 prazas para a formación nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre, e turismo. Este programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros, e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. Este venres, 15 de novembro, ás 12.00 horas, haberá unha charla informativa sobre este programa no Centro de formación e emprego do Concello de Ames.

O novo Programa Integrado de Emprego dos concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de decembro de 2024 e setembro de 2025. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

Este venres, 15 de novembro, ás 12:00 horas, haberá unha charla informativa sobre este programa no Centro de formación e emprego do Concello de Ames (rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova”).

Para participar no programa, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:

  • Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
  • Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
  • Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI).
  • Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.

Os programas integrados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.

Actividades
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, limpeza, ocio e tempo libre, turismo e administración e xestión, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías, idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.

Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).

Ademais, poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

Bolsas e axudas á conciliación
As persoas que formen parte do novo programa integrado de emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.

As actividades impartiranse no Centro de formación e emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.

Formulario de inscrición
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden  cubrir o formulario cos seus datos premendo nesta ligazón. Para ampliar información sobre o programa poden contactar no enderezo de correo electrónico inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María Lloves) e 663 771 876 (Pablo Bello).

Continúa aberto o período de selección para a edición 2024-2025 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión

Multimedia

  • Continúa aberto o período de selección para a edición 2024-2025 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión