Pestanas principais

Continúa aberto o prazo de inscrición para o programa Sanauga

Xoves, 29 de setembro de 2011

[29-09-2011] O programa acuático Sanauga, ofertado pola Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, continúa aberto para todas aquelas persoas que desexen participar. Os e as interesados/as deberán darse présa posto que en dous días xa se inscribiron 30 participantes e quedan só 15 prazas por ocupar. Para facer a inscrición, os veciños e veciñas amienses deberán anotarse na Oficina de Voluntariado de Bertamiráns das 9.00 h ás 14.00 h e na de Milladoiro, os luns e os mércores, das 9.00 ás 12.00 h. . O prazo para matricularse na actividade remata no instante no que se cubran todas as prazas e as persoas admitidos estarán elixidas por rigorosa orde de inscrición.

A Oficina de Voluntariado de Ames abriu o prazo de inscrición para participar no programa Sanauga o 26 de setembro. Dous días despois, das 45 prazas ofertadas só están dispoñibles 15. Por iso, dende a OVA aconséllaselles a todas aquelas persoas interesadas anotarse o antes posible xa que unha ben cubertas as prazas cérrase o período de inscrición. É preciso destacar que unha vez esgotadas as prazas, os veciños e veciñas que o desexen poderán seguir anotándose, porén, quedarían nunha lista de espera. Aqueles e aquelas que estean admitidos/as deberán acudir obrigatoriamente á totalidade do curso posto que as persoas que falten dúas veces sen xustificación perderán a praza no programa.

As clases impartiranse os luns e os mércores, en dúas quendas. A piscina municipal da Telleira, en Bertamiráns, acollerá a primeira quenda en horario de 10.45 h a 11.30 h. A segunda quenda desenvolverase das 11.30 h ás 12.15 h e nela terán preferencia os veciños e veciñas do Milladoiro posto que, neste horario, dispoñen de maiores facilidades de transporte.

Sanauga está destinado a persoas maiores, con máis de 60 anos, e a persoas que teñan algún tipo de discapacidade sempre que presenten un informe médico que o acredite. Durante nove meses, os e as asistentes desenvolverán na piscina municipal da Telleira numerosas actividades acuáticas beneficiosas para a súa saúde. O programa ten como obxectivo mitigar as doenzas musculares e óseas dos e das asistentes e favorecer a mobilidade e benestar físico. Sanauga xira, fundamentalmente, en torno á ximnasia acuática e consiste na realización de actividades aeróbicas que non supoñen un alto rendemento nin desgaste físico.