Ata o día 13 de xaneiro continúa aberto o prazo para solicitar praza no novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión (2022-2023). Nesta edición o programa está dirixido a 100 persoas desempregadas que serán asesoradas na súa procura de emprego e se formarán en competencias xerais así como en diversos sectores, nos que tamén poderán realizar prácticas en empresas da contorna. Formaranse nos ámbitos do comercio; almacén; ocio e tempo libre; limpeza de edificios e locais e arranxo de habitacións en hoteis; turismo; idiomas e novas tecnoloxías. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de xaneiro e novembro de 2023. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 245.269,72 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Para participar no programa as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
-Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
-Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión .
Actividades a desenvolver
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, ocio e tempo libre, limpeza e arranxo de habitacións en hoteis, turismo, idiomas e novas tecnoloxías, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, idiomas (inglés), manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e comunicación, marca persoal, etc.
Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que podan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.). Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.
Bolsas de axuda á conciliación
As persoas que formen parte do novo programa integrado de emprego Ames - Brión terán dereito a unha bolsa de 7 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes. O programa desenvolverá as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas en ampliar información sobre o programa poden contactar co Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames chamando aos números de teléfono: 663711876 / 608459678. Tamén poden cubrir o formulario de contacto premendo neste enlace ou escaneando o código QR que está ao pé desta nova.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Continúa aberto o proceso de selección do programa integrado de emprego de Ames e Brión"