Pestanas principais

Continúa a programación cultural con novas actividades para os vindeiros meses

Luns, 22 de marzo de 2021

A Concellaría de Cultura amplía a programación cultural programada para os vindeiros meses. O próximo evento será a inauguración da exposición Don Gaiferos polos camiños cara Compostela, na Casa da Cultura do Milladoiro, este martes 23 de marzo, ás 12.00 horas. A exposición estará aberta para todos os públicos ata o 29 deste mes, en horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 22:00 horas. Ademais, esta semana haberá teatro infantil coa representación da obra Don Gaiferos e teatro para adultos coa obra Mocos.

Continúa a programación cultural con novas actividades para os vindeiros meses. O próximo evento será a inauguración da exposición "Don Gaiferos polos camiños cara Compostela", na Casa da Cultura do Milladoiro, este martes 23 de marzo, ás 12.00 horas. Trátase dunha actividade organizada pola compañía compostelá Os monicreques de Kukas. A exposición estará aberta ata o 29 de marzo, para todos os públicos, en horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 22:00 horas.

Don Gaiferos de Mormaltán é o protagonista do romance popularizado por Faustino Santalices, quen narra a viaxe deste peregrino francés ata a súa morte aos pés do apóstolo Santiago. A exposición conta coa instalación de marionetas de fíos e decorados da versión da obra "Don Gaiferos" estreada en 1992, sinalando o decorado do Pórtico de la Gloria, e deseños orixinais das diferentes versións da obra e planas orixinais do cómic editado no ano 1993.

Este mércores, 24 de marzo, Teatro do Noroeste organiza, en colaboración co Concello de Ames, unha mesa de debate sobre as artes escénicas despois da Covid-19. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 19.00 horas, un debate sobre As artes escénicas despois da Covid-19 e incidencia do Xacobeo na súa reactivación. No encontro participarán as compañías Teatro do Noroeste e Teatro do Atlántico, a empresa de produción audiovisual Chiripa producións, a compañía de danza Druída e a de títeres Cachirulo. O acto será aberto ao público e de balde, pero retransmitirase por streaming para quen queira participar en liña. 

No coloquio falarase sobre como se van a realizar as artes escénicas, dende o teatro ou a danza ata os títeres, tras a pandemia. Comentaranse as experiencias profesionais de cada unha das empresas que participan. Tamén se exporán as opinións que teñen os seus representantes de como se xestionou a situación tras as restricións que afectaron ao sector cultural. Agora que xa se permite o acceso do 30% do aforo, as compañías comezan a retomar a actividade cultural.

Programación infantil
A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

A programación infantil do primeiro semestre deste ano continúa con Caramuxo Teatro, que representará en Bertamiráns a obra Catro o 16 de abril, ás 17.00 e ás 18.00 horas. Faranse dúas sesións. Trátase dun espectáculo visual de danza contemporánea, dirixido a nenos e nenas de seis meses a tres anos de idade, no que se xoga coa vida, coas formas, os sons e as texturas. Pretende descubrir a través da danza como linguaxe e canle de coñecemento.

Voa,voa, unha comedia orientada a nenos e nenas de 4 a 9 anos, estaba prevista para o pasado 5 de febreiro pero, debido á situación sanitaria e ás restricións aplicadas, non se puido levar a cabo. Non obstante, o espectáculo da compañía Talía Teatro, ten nova data para subir ao escenario. Será o venres 7 de maio.

Todos os eventos se realizarán seguindo as normas hixiénico-sanitarias vixentes publicadas no DOG. Por este motivo, actualmente o aforo máximo permitido en cada función é do 30%. En canto ás funcións que estaban previstas para a última semana de xaneiro as tres primeiras de febreiro e non se puideron realizar, por mor da situación sanitaria, programáronse para novas datas.

Programación para o público adulto
Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

No mes de abril as obras que non se puideron realizar en febreiro vanse representar en novas datas. É o caso de A Lingua das Bolboretas, de Sarabela Teatro. O venres 9 de abril o espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A obra O Montacargas tamén ten nova data. Este espectáculo representarase o 23 de abril en Bertamiráns. Neste caso, a compañía Ainé Producións narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. As personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se trata de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ha de transmitirlles.

O espectáculo de danza Pink Unicorns representarase o venres 30 no Milladoiro. A compañía La Macana presenta este auténtico desafío que fará gozar das marabillas da relación pai e fillo, da pericia de cada un.

Para pechar a programación cultural do primeiro semestre, Rebordelos representará Liberto, unha obra que se poderá desfrutar o 7 de maio en Bertamiráns. Conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recen nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as artistas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.

Abril de cine
Ademais, a Concellaría de Cultura ten organizado tres sesións de cine en Ames. O programa “Abril de cine” estrearase o mércores 7 de abril coa película “Ons”. Terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. A próxima sesión realizarase o mércores 14 de abril, na Casa da Cultura do Milladoiro, coa película “ A illa das mentiras”. Por último, os e as espectadores/as poderán desfrutar de “Trote”, un filme que chegará á  Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas, o día 21 de abril. Para asistir a ver a película, recomendada para maiores de 12 anos, deberase reservar convite a través da billeteira electrónica da páxina web municipal.

Entradas e tarifas
Algunhas das actividades mencionadas son de balde. Non obstante, para acudir a algunhas outras é preciso mercar un convite. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles). Preme nesta ligazón para dispor de información sobre os A-Bonos e a venda de entradas.

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Programación cultural

Multimedia

  • Abril de Cine.
  • A Lingua das Bolboretas
  • Mocos
  • Mesa de debate