Pestanas principais

Continúa a programación do Ames Cultural coa representación da obra de teatro infantil “Kyoki” de Elefante Elegante o vindeiro día 31

Sábado, 25 de xaneiro de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas para o comezo deste ano. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro venres 31 de xaneiro, ás 18.00 horas, a obra de teatro infantil “Kyoki” da compañía Elefante Elegante, incluída tamén na programación do Apego 2025. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Ames Cultural continúa coa representación da primeira das obras dirixidas para público infantil e familiar, “Kyoki” de Elefante Elegante, este vindeiro venres 31 de xaneiro, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galego das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. A peza, a través só da linguaxe xestual, evoca a múltiples situacións e temáticas como a vellez, o esquecemento ou a soidade.

Esta obra invita á reflexión sobre as experiencias e situacións que viven as persoas que precisan ser coidadas tanto como as propias coidadoras. A través só de xestos, manipulación e interacción coa decoración e obxectos do escenario, créase unha viaxe que traslada ao público desde o realisto ata a hipérbole da propia vida cotiá.

As persoas interesadas en asistir a esta representación teatral xa poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames os seus convites. Ata o momento, a ocupación para esta representación é aproximadamente do 30% das butacas dispoñibles.

Elefante Elegante
A compañía teatral Elefante Elegante naceu no ano 2000 da man de María Torres e Gonçalo Guerreiro. Nos seus primeiros anos de traballo, o grupo estivo afincado en Bélxica e, ademais, comezou como un proxecto experimental no que participaban diferentes actrices e actores de diferentes puntos de Europa, ata instalarse definitivamente no 2007 en Galicia.

Con varios recoñecementos e premios ás súas costas, Elefante Elegante é toda unha compañía referente dentro do teatro xestual, baseando as súas obras na linguaxe corporal para construír as tramas teatrais, e no que se adoitan tratar temas de forte carácter social e existencial. Ademais, na actualidade, a compañía actúa en diferentes festivais e escenarios de todo o mundo, como Portugal, Alemaña ou Colombia.

Continúa a programación do Ames Cultural coa representación da obra de teatro infantil “Kyoki” de Elefante Elegante o vindeiro día 31