Pestanas principais

Continúa a programación dos Encontros Literarios coa presentación de “Runrún” de Ana Varela Miño

Luns, 20 de xaneiro de 2025

Este vindeiro xoves, 23 de xaneiro, retómase a programación dos Encontros Literarios, desta volta coa presentación de “Runrún” de Ana Varela Miño. Como vén sendo habitual, o encontro será no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas, e a entrada será libre ata completar aforo. Estará acompañada pola filóloga Elisa Nieves Barreiro (@delibrosalibres).

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, continúa coas presentacións de libros do programa “Encontros Literarios”, unha actividade que promove a literatura en galego e axuda a dar a coñecer a escritores próximos.

“Runrún” de Ana Varela Miño
A autora deste próximo encontro é Ana Varela Miño (Narón, 1978), licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, unha autora moi ligada ao mundo da tradución e tamén da poesía. Coa súa primeira obra, “Asombrario”, publicada no 2017, gañou o Certame de Poesía Francisco Añón. Ademais deste recoñecemento, no 2019, recibiu o Premio de poesía Gonzalo López Abente pola obra “Onde nacen as hedras”.

Con “Runrún”, publicada a finais deste pasado 2024, a autora adéntrase no mundo da narrativa e presenta unha historia ambientada na cidade de Ferrol e a súa comarca. O libro relata a historia de dúas irmás, Uxía e Aldara, que se ven obrigadas a volver a reconstruír as súas vidas tras a morte prematura dos seus pais. A narración desenvólvese en só 24 horas e Aldara sofre un episodio psicótico e a súa irmá afronta a situación, soa, como pode.

Programación dos Encontros Literarios 2024-25
Esta nova edición dos encontros literarios, que xa comezou o pasado mes de decembro coa presentación de “A carón do lume” de Mónica Prego, continuará nos vindeiros meses do 2025. Ao longo das próximas semanas anunciaranse os vindeiros encontros do programa.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ana Varela reactiva os Encontros Literarios de Ames con ‘Runrún’"

Continúa a programación dos Encontros Literarios coa presentación de “Runrún” de Ana Varela Miño

Multimedia

  • Continúa a programación dos Encontros Literarios coa presentación de “Runrún” de Ana Varela Miño