- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 20.30 horas, a obra de teatro “Cortello de Amor”, da compañía Amorodio Teatro. Ata o momento, a ocupación para este espectáculo é do 80% das butacas dispoñibles. As últimas entradas pódense adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
A programación de artes escénicas para o primeiro semestre de 2025 continúa este venres, 7 de febreiro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro coa representación do espectáculo “Cortello de Amor”, da compañía Amorodio Teatro. Este obra de teatro está dirixida a público adulto e ten unha duración aproximada de 75 minutos. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galego das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
“Cortello de Amor” é unha comedia física e de enredo, dirixida por Marián Bañobre, escrita por Laura Porto e coa banda sonora orixinal de Grande Amore. O elenco está formado por Carmen Facorro e Javier Castiñeira.
Jack e Rose, unha parella que rolda a trintena e que levan xuntos desde a adolescencia, van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica á beira do seu piso. Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.
Durante esa noite no rocho, descobren que a súa paixón reavívase neste pequeno espazo. Encantados coas marabillas do faiado, teñen a idea de sacar un diñeiro extra alugándolles a turistas o seu céntrico apartamento na zona vella dunha singular cidade galega, mentres eles aproveitan para pasar tempo no faiado, ao que lle chaman "niño de amor", reconectando como parella.
Venda de entradas
As persoas interesadas en asistir a esta representación teatral xa poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames os seus convites. Ata o momento, a ocupación para esta representación é aproximadamente do 80% das butacas dispoñibles. O prezo das entradas é de 5 euros para o público xeral, mentres que o prezo reducido é de 2,50 euros. No caso de quedar entradas dispoñibles tamén se poden adquirir na Casa da Cultura do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo.
O prezo reducido aplícase a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).