Pestanas principais

Continúa a rolda de contactos co sector audiovisual cunha visita a Mirabelle Comunicación

Mércores, 23 de marzo de 2022

Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalacións da empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual, que se atopa na rúa das Hedras, no parque empresarial Novo Milladoiro. Os membros do Goberno municipal foron recibidos por Rocío González, xerente da empresa. Trátase dunha produtora con 20 anos de experiencia no sector da comunicación audiovisual. Na actualidade están producindo a cuarta temporada do programa Aquelando con Chispas, da Televisión de Galicia. Esta entidade encargouse da organización do concurso de karaoke “Canta con Ames” posto en marcha no verán de 2021 polo Concello de Ames.

Continúa a rolda de visitas ás empresas do sector audiovisual que están situadas no concello de Ames. Esta semana o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron a empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual, que está situada no parque empresarial Novo Milladoiro. En dita visita foron recibidos pola xerente da empresa, Rocío González. Esta empresa foi creada por Rocío González e Miguel Martínez, que son socios na xestión da produtora.

Trátase dunha produtora con 20 anos de experiencia no sector da comunicación audiovisual. Centran a súa actividade en catro ámbitos: marketing e publicidade (produción audiovisual); branded content (produción de programas e contidos para televisión, plataformas dixitais e redes sociais); comunicación e formación (imparten formación en estratexias de comunicación e encárganse da comunicación corporativa das empresas que así llo requiren); e medios creativos (deseño, gravación e edición, creación de contidos, postprodución, subtitulado, drone para redes sociais, plan de comunicación, e cobertura de eventos).

Esta visita enmárcase na rolda de contactos coas diferentes empresas do sector audiovisual que están situadas no concello de Ames. A visita serviu como toma de contacto e para buscar vías de colaboración entre ambas partes. Esta entidade xa se encargou da organización do concurso de karaoke “Canta con Ames”, posto en marcha no verán de 2021 polo Concello de Ames. Na actualidade están producindo a cuarta temporada do programa Aquelando con Chispas, da Televisión de Galicia.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “resulta moi positivo coñecer polo miúdo o traballo que realiza esta empresa que dispón de gran experiencia no sector audiovisual. Esta é a sétima empresa do sector audiovisual que visitamos despois da xuntanza mantida no pasado mes de outubro con representantes de varias empresas do sector audiovisual. Queremos establecer un contacto estreito e permanente de xeito que tanto nós como as produtoras podamos favorecernos desta sinerxia”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, volveu destacar o peso que teñen as empresas do sector audiovisual e de novas tecnoloxías dentro do tecido empresarial do parque empresarial do Novo Milladoiro e de Ames en xeral. “É un privilexio contar con tantos e tan bos profesionais do audiovisual. Con Mirabelle Comunicación xa traballamos o pasado ano, a través do concurso de karaoke Canta con Ames, e sabemos que son uns excelentes profesionais”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Buscan colaboraciones audiovisuales con las firmas Escenoset y Mirabelle"

Enfoques: "Blas García sigue su ronda de contactos con el sector audiovisual en Mirabelle Comunicación"

Imaxe da visita a Mirabelle Comunicación

Multimedia

  • Imaxe da visita a Mirabelle Comunicación
  • Imaxe da visita a Mirabelle Comunicación