Pestanas principais

Continúan as actividades de Nadal en Ames con obradoiros, campamentos urbanos e as prebadaladas

Domingo, 24 de decembro de 2023

As actividades da programación de Nadal, organizadas conxuntamente por diversos departamentos municipais, continúan a próxima semana coa chegada de varios personaxes Disney ao Milladoiro e Bertamiráns os días 26 e 27 de decembro. Ademais, haberá obradoiros interxeracionais e as xa tradicionais prebadaladas na praza do Concello o domingo, 31 de decembro, para despedir o 2023 e darlle a benvida ao 2024.

As actividades da programación de Nadal retómanse o día 26 de decembro co primeiro dos seis obradoiros “Infantil e Maiores” (tres e Bertamiráns, e outros tres no Milladoiro), nos que os máis pequenos terán a oportunidade de facer manualidades de Nadal cos seus avós/avoas e coas persoas maiores do concello. Esta actividade ten o obxectivo de que os nenos e nenas acudan aos obradoiros cos seus avós e avoas, ou que os rapaces e rapazas estean en contacto coas persoas maiores que realizan actividades na Casa dos Maiores.  

En Bertamiráns serán o 26, 28 e 29 de decembro na Casa dos Maiores, ás 11:00 e ás 17:00 horas; mentres que no Milladoiro serán os días 27, 28 e 29 de decembro, tamén ás 11:00 e ás 17:00 horas. Para participar nestes obradoiros non é necesario inscribirse previamente, tan só hai que presentar un tícket, de calquera importe, dunha compra feita no comercio local.

O 29 de decembro, ás 18:00 horas, celebrarase no Centro Social do Milladoiro (local do antigo centro de saúde) o AmesON coa actividades “Martiña Soñadora”, dirixida aos máis pequenos. Ao día seguinte, o sábado 30 de decembro, ás 11:00 horas, haberá unha camiñada enmarcada na iniciativa Camiñadas teatralizadas: O Segredo da Andoriña.

Paralelamente, a Aula da Natureza organiza o campamento urbano de Nadal para rapaces de entre 6 e 14 anos nos que tamén se farán obradoiros relacionados co Nadal. Dito campamento terá lugar os días 27, 28 e 29 de decembro en horario de mañá e tarde. Ambas actividades desenvolverase na Aula da Natureza, na Ameixenda. Ademais, o espazo multicultural de A Factoría, en Biduído, organiza dous obradoiros de son o 27 e 28 de decembro, ambos ás 11:00 horas.

Visitas Disney e prebadaladas
Para celebrar o Nadal, algunhas das personaxes de Disney (Minnie e Daisy) e da Patrulla Canina (Skye e Chase) achegaranse a Ames para que os nenos e nenas poidan desfrutar con elas. O martes 26 de decembro estarán no Centro Social do Milladoiro (no local do antigo centro de saúde), mentres que o mércores 27 se achegarán ata a Casa dos Maiores de Bertamiráns. En ambas xornadas, o horario será de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas. Haberá photomaton, polo que os nenos e nenas que queiran poderán fotografarse con Minnie, Daisy, Skye e Chase.

Por outra banda, o día 31 de decembro celebraranse, unha vez máis, as prebadaladas de Fin de Ano, na praza do Concello, de 11:00 a 14:00 horas. Durante o acto, presentado por Loly Gómez, actuarán os gañadores do concurso Canta con Ames 2023 e entregaranse os premios da Xincana Xove.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Solidariedade e festa con galardóns, cestas bebé e prebadaladas para celebrar o Nadal"

Continúan as actividades de Nadal en Ames con obradoiros, campamentos urbanos e as prebadaladas

Multimedia

  • Cartaz coa programación de Nadal
  • Continúan as actividades de Nadal en Ames con obradoiros, campamentos urbanos e as prebadaladas