Pestanas principais

Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”

Xoves, 10 de novembro de 2022

O proxecto “Terra de mulleres: voces nos valos”, organizado por 7H Cooperativa Cultural e pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ames, en colaboración coa Asociación Veciñal Tras do Río, volveu cunha nova edición tras a boa acollida da iniciativa por parte da cidadanía o pasado ano. Trátase dunha proposta de arte urbana que busca recoller as testemuñas da veciñanza para crear obras con contexto e perspectiva feminista, plasmándoas en distintos murais no municipio. Nesta ocasión, o lugar escollido para desenvolver as actividades é a aldea de Tarrío, onde se realizou un mural en homenaxe a "Carme da fonte", a señora Carmen. Ademais, este sábado 12 de novembro, de 10:00 a 18:00 horas, impartirase un obradoiro de pintura de murais.

“Terra de mulleres: voces nos valos” ten como obxectivo lograr reflectir a historia do rural de Ames, aportando unha mirada feminista. Na pasada edición a iniciativa deixou tres intervencións artísticas na parroquia de Bugallido, todas elas inspiradas por recordos, testemuñas e fotografías aportados pola veciñanza.

Este ano, co espírito participativo que caracteriza o proxecto, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, e representantes de 7H Cooperativa Cultural e da Asociación Veciñal Tras do Río, mantiveron unha xuntanza cos veciños de Tarrío para recoller novamente as súas testemuñas e as súas costumes da vida diaria.

A ordense Nanako Nene “Nana”, recoñecida artista urbana que ten participado na creación de murais en localidades de toda Galicia, foi a encargada de reflectir esas vivencias realizando unha primeira ilustración que xa está rematada e que ten como obxectivo “fixar nas rúas os relatos que habitan a memoria colectiva compartida pola veciñanza”. O mural elaborado por Nana é unha homenaxe a "Carme da fonte", a señora Carmen.

Obradoiro de pintura en murais

A segunda das actividades programadas dentro do programa de Terra de Mulleres é un taller de pintura urbana aberto ao público, que será impartido polo persoal de 7H Cooperativa Cultural. Terá lugar este sábado 12 de novembro, de 10:00 a 18:00 horas. Nel búscase implicar aos veciños na creación dun mural que se pintará sobre un dos valos do lugar de Tarrío, no que se tratarán de reflectir todas as lembranzas e teimas compartidas polos habitantes desta aldea. A localización exacta do lugar no que se desenvolverá o obradoiro pódese consultar premendo nesta ligazón.

As prazas son limitadas, polo que para participar é necesario inscribirse. Pódese facer enviando un correo electrónico ao enderezo 7hcoop@7hcoop.gal ou chamando ao número de teléfono 645 55 11 84. Recoméndase que os asistentes leven calzado e roupa axeitada para pintar.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Volve o muralismo comprometido ata A Maía con Terra de Mulleres"

Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”

Multimedia

  • Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”
  • Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”
  • Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”
  • Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”
  • Continúan as actividades do proxecto de arte urbana feminista “Terra de Mulleres: voces nos valos”