Pestanas principais

Continúan as actividades programadas polo espazo “A Proa” durante o mes de marzo

Mércores, 09 de marzo de 2022

O espazo colaborativo “A Proa” organiza nos xoves deste mes de marzo a súa primeira serie de obradoiros e charlas presenciais baixo o nome “Coworking days”. A actividade inicial realizouse o pasado xoves, 3 de marzo, cun taller para coñecer o funcionamento dun coworking e resolver dúbidas. Estas actividades teñen continuidade este xoves, 10 de marzo, cun taller impartido por Juan Diego Pereiro Areán, para aprender a realizar unha proposta de valor adecuada para o teu negocio. O terceiro e último evento deste mes de marzo será o 24 de marzo e denomínase “Lego serious play – construíndo o teu modelo de negocio. As inscricións para estas actividades poden realizarse de balde premendo nesta ligazón.

Este xoves, 10 de marzo, continúa a oferta de actividades do espazo colaborativo “A Proa”, situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. Este centro coworking organizou un programa de talleres para marzo que comezou o pasado xoves, 3 de marzo, co obradoiro, “Descubre o mundo de vantaxes do coworking”, que foi impartido por Gustavo Marcos Cancelas, sobre o funcionamento dun coworking e o que pode aportar á hora de emprender ou dar os primeiros pasos dun proxecto empresarial.

Deste xeito, durante este mes de marzo, as persoas asistentes poderán obter máis información sobre a forma de traballo nun coworking, así como recibir consellos e ferramentas para iniciar e consolidar as súas propostas de emprendemento, proxectos ou empresas. Para as persoas que non poidan asistir, os talleres serán retransmitidos en directo e resubidas posteriormente ao perfil de Instagram do espazo “A Proa”.

A programación de eventos continúa mañá, 10 de marzo, coa actividade denominada “Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea”. Acompañadas de Juan Diego Pereiro Areán, organizador e director de Trainers For The Future, fundador de WeKAb.com e do espazo de coworking WeKCo, as persoas asistentes poderán aprender o valor dos produto ofertado polo seu proxecto ou empresa. Este taller desenvolverase mañá de 17:00 a 19:00 horas.

Para pechar marzo, o xoves 24, de 18:00 a 20:00 horas, celebrarase “Lego Serious Play – Construíndo o teu modelo de negocio”. Impartido polo docente e organizador de eventos sobre emprendemento Dani Diéguez, o obradoiro buscará dar a coñecer a técnica de reflexión, comunicación e resolución de problemas “Lego Serious Play”. A través de pezas de construción de xoguete, as persoas interesadas poderán aprender a describir e comprender unha situación apelando á implicación e a participación.

As tres actividades son de balde e contan con prazas limitadas, para as que as inscricións xa están abertas, premendo nesta ligazón. Para máis información, pódese visitar a páxina web espazoaproa.gal.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “durante os vindeiros meses o centro colaborativo A Proa vai a desenvolver un programa específico de actividades. Dita programación comezou o pasado 3 de marzo e ten continuidade mañá cun taller impartido por Juan Diego Pereiro Areán, para aprender a realizar unha proposta de valor adecuada para o teu negocio”.

“A Proa”, un espazo colaborativo no Milladoiro
“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

“A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

Cartaz da actividade denominada "Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea"

Multimedia

  • O espazo “A Proa” programou tres eventos para este mes de marzo
  • Cartaz da actividade denominada "Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea"
  • Cartaz da actividade denominada "Lego Serious Play – Construíndo o teu modelo de negocio"