- Tematica
Ao longo de marzo, mes no que se conmemora o Día Internacional da Muller, o Concello de Ames celebra nove charlas e un taller sobre autocoidados femininos impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. As actividades enmárcanse dentro da programación do Concello de Ames con motivo do 8M, e están organizadas dentro do Pacto de Estado contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad e coa colaboración do programa Ames Saudable e do Centro de Información á Muller (CIM). Ditas conferencias impártense tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.
Os coloquios organizados en Bertamiráns impártense na Casa dos Maiores, sempre ás 19:00 horas. Olaya Fernández foi a encargada de impartir a primeira charla, baixo o título “Alimentación saudable”, que se realizou o pasado mércores 1 de marzo. O mércores 15 de marzo será a quenda da psicóloga Mónica Antelo, que impartirá “Problemas do sono”, mentres que o día 22 de marzo, Belén Montesa presentará “Regulación emocional”, e o mércores 29 de marzo Cristina del Arco impartirá “Coñece o teu solo pélvico”.
Ademais, a Casa dos Maiores de Bertamiráns acollerá tamén un taller de percuterapia, que correrá a cargo de Pedro Campos. A percuterapia é unha arte que mestura diferentes disciplinas e que permite marcar o ritmo do propio corpo a través do movemento e de distintos obxectos, traballando corpo, emocións e memoria. O obradoiro desenvolverase o 27 de marzo, a partir das 19:00 horas.
No Milladoiro celebraranse outras cinco sesións, que terán lugar na Casa da Cultura. Inicialmente estas actividades íanse a realizar na Casa das Asociacións da rúa Agro do Medio (no antigo centro de saúde da localidade), pero decidiuse cambiar de lugar pasando a organizarse no centro sociocultural do Milladoiro. Todas serán ás 17:00 horas.
Abriu a rolda de charlas Magdalena Seco, con “Que é a menopausia? Síntomas e coidados”, que se impartiu o pasado xoves 2 de marzo. Beatriz Viñal presentará o día 9 “Pilates”, e o día 16 “Sexualidade feminina”. Pola súa banda, Juan Carlos Permuy impartirá “Regulación emocional” o xoves 23, e Alicia Rivas “Alimentación saudable” o 30 de marzo.
As actividades enmárcanse dentro da programación do Concello de Ames con motivo do 8M, e están financiadas polo Pacto de Estado contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad, e contan coa colaboración do departamento de Benestar Social, dentro do programa Ames Saudable, e do Centro de Información á Muller (CIM).