Pestanas principais

Continúan en agosto as actividades de desconfinamento saudable

Sábado, 08 de agosto de 2020

Ioga, relaxación e baile en liña. O programa de actividades do “Desconfinamento Saudable”, que a concellaría de Benestar dende o Departamento de Promoción da Saúde, puxo en marcha no mes de xullo, terá continuidade no presente mes de agosto. As actividades están pensadas para traballar a saúde física e emocional nestes tempos tralo confinamento. Realízanse ao aire libre en grupos reducidos e poden seguirse tamén online a través das redes de Facebook, youtube e Instagram.

Mellora da axilidade e do equilibrio, potenciación da atención e da concentración, reforzamento da autoestima, coidado das articulacións e redución da ansiedade e do estrés son algúns dos beneficios da práctica das actividades que propón o programa “Desconfinamento Activo” e que xa foron comprobados polas persoas que participaron delas no mes de xullo. Agora, no mes de agosto, mantéñense as clases de ioga e relaxación e baile en liña.

Ioga e relaxación impartirase os luns e os mércores entre as 10:00 e as 11:00 horas no entorno da piscina municipal do Milladoiro e no caso de que chova trasladaranse ao interior do Pavillón Municipal. En Bertamiráns impartiranse os martes e os xoves á mesma hora, entre as 11:00 e as 12:00 nos xardíns do Pazo da Peregrina e no caso de que o tempo non o permita trasladaranse ao interior do pazo.

Nos mesmos espazos, contorna da piscina municipal e Pazo da Peregrina, e coa mesma condición de trasladar a actividade ao interior do Pavillón de Milladoiro ou do Pazo, no caso de que as condicións metereolóxicas impidan practicala fora, desenvolveranse as clases de Baile en Liña. A actividade impartirase en Milladoiro o venres de 10:00 a 11:00 e en Bertamiráns, tamén o venres, entre as 11:30 e as 12:30.

As actividades realízanse en grupos de 15 persoas máximo. É obrigatorio levar esterilla. Para inscribirse hai que enviar un correo a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamar ao número 637 758 483.

A Concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijó, declara que “é moi gratificante ver como o programa vai medrando e consolidándose no tempo. Un proxecto que iniciamos con toda a ilusión no período de confinamento a través dar redes e que deu un salto cara actividades presenciais que van aumentando en demanda día a día e que están pensadas para axudar ao benestar físico e emocional dos/das participantes nestes momentos difíciles”. A concelleira amosa tamén a intención do seu departamento de segir traballando nesta liña de ofrecer recursos para a saúde á cidadanía de Ames: “Queremos achegar recursos amenos e accesibles onde pasar un tempo de diversión, compañeirismo, onde poder compartir, á par que traballamos a nosa saúde física e emocional”.

O desconfinamento saudable continúa en agosto