Pestanas principais

Continúan os concertos do Ameson, con pasaporte covid e público sentado

Luns, 27 de decembro de 2021

A meirande parte da programación de Nadal de Ames quedou suspendida a pasada semana por mor da situación epidemiolóxica do concello, mais o programa Ameson segue o seu curso, con máis medidas para reforzar a seguridade das persoas asistentes. Á entrada dos concertos pedirase o pasaporte covid e o público terá que estar sentado, para poder gozar das catro propostas de Paco Nogueiras, Broken Peach, a Escolanía da Catedral de Santiago e Thais Suki, que terán lugar ao longo desta semana.

Os catro concertos celebrados durante a semana pasada tiveron unha gran acollida entre a veciñanza amesá, que se achegou durante as tardes de luns a xoves aos espectáculos nas prazas Manuel Murguía, no Milladoiro, e da Maía, en Bertamiráns. A entrada para estes eventos é de balde e o aforo completase por orde de chegada do público, que debe presentar o seu pasaporte covid á entrada e permanecer sentado durante a actuación.

Malia a suspensión de boa parte das actividades no concello por mor do incremento de contaxios, esta semana haberá catro concertos máis do Ameson, con citas de luns a xoves no Milladoiro e en Bertamiráns, todos ás 18:00 horas.

A primeira actuación da semana será a de Paco Nogueiras na praza Manuel Murguía do Milladoiro, este luns 27, que repite concerto no Ameson en substitución do grupo amesá As Maianas, baixa polo confinamento dalgunhas das súas integrantes. O martes 28 será a quenda dos Broken Peach, que levarán á praza da Maía de Bertamiráns versións de grandes éxitos musicais.

O mércores 29, tamén en Bertamiráns, desta vez na praza do Concello, terá lugar o concerto da Escolanía da Catedral de Santiago, un dos coros con máis historia de Santiago de Compostela. Finalmente, o Ameson pecharao a cantante amesá Thais Suki o xoves 30. A vocalista, de nome real Thais Rudiño, será a protagonista da última actuación do ano no concello, na praza Manuel Murguía do Milladoiro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Thais Suki porá fin aos concertos do Ameson"

AMSGO!: "Semana de concertos en Ames con Broken Peach, Thais Suki e a Escolanía da Catedral de Santiago"

Continúan os concertos do Ameson, con pasaporte covid e público sentado

Multimedia

  • Continúan os concertos do Ameson, con pasaporte covid e público sentado