- Tematica
Mañá, xoves 16 de febreiro, ás 20:00 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino presentarán a obra “A nación dos mil viños”, de Edicións Laiovento. A encargada de presentar o evento será a concelleira de Cultura, Natividade González.
As bibliotecas municipais de Ames organizan para este xoves, día 16, o segundo dos encontros literarios do mes de febreiro. O libro a presentar será “A nación dos mil viños”, unha obra colectiva de Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino, con ilustracións de Toño Núñez Amigo-Rivadulla. Dita presentación realizarase, como habitualmente, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas.
"A nación dos mil viños" descríbese como “a guía galega para adentrarse no mundo do viño”, e busca ser unha iniciación combinada á altura do viño en xeral e á súa proba sensorial, e do panorama concreto dos viños galegos. Na obra expóñense os elementos máis destacados que inflúen no seu resultado final e que integran o seu proceso de creación cada ano, dende a viña á copa: os solos, o clima, as variedades de uva, a viticultura e a enoloxía. Tamén as chaves elementais para o seu goce e análise sensorial.
Por outra banda, o libro tamén fai un repaso descritivo pola vitivinícola galega actual. Estes contidos, ademais, acompáñanse de elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño. Por último, abórdase a historia das persoas produtoras e as marcas comerciais que chegan aos consumidores como resultado final de todo o traballo previo.
Os autores
Santos Canosa e Gontá son sumilleres, ademais de socios dunha distribuidora especializada en viños galegos de pequenas producións. Ambos forman parte da primeira promoción do Curso Superior de Sumiller Profesional, impartido polo Instituto Galego de Viño (INGAVI). Ademais, contan con formación no postgrao de Wine Bussiness and Marketing, da Escola Superior d’Hostalaria de Barcelona.
Os autores participan, ademais, en actividades de formación e divulgación de viños galegos, e colaboran de maneira activa coa Asociación Galega de Viticultura da Federación Rural Galega (AGV-FRUGA).