Pestanas principais

Convócase a Xunta Local de Seguridade para analizar a situación da seguridade cidadá no concello de Ames

Martes, 02 de agosto de 2011

[02-08-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, ven de convocar a Xunta Local de Seguridade para facer un seguimento e unha avaliación da seguridade cidadá en Ames ante os problemas rexistrados nos últimos meses. O goberno local está especialmente sensibilizado e preocupado polo tema da seguridade e unha das finalidades que pretende acadar coa convocatoria da Xunta Local de Seguridade é intentar minimizar os problemas neste eido, especialmente durante o período de vacacións.

Santiago Amor convocou a Xunta Local de Seguridade para o próximo xoves día 4 de agosto ás 10.00 horas. Deste xeito, esta semana os diferentes axentes que forman parte desta Xunta (Subdelegación do Goberno, Garda Civil e Policía Local) daranse cita no salón de plenos da Casa do Concello para analizar a situación da seguridade cidadá en Ames e a resolución de problemas administrativos e doutra índole que se deron no cuartel do Milladoiro. O vindeiro xoves tamén se fixará a periodicidade das sesións ordinarias da Xunta Local de Seguridade.

O rexedor amiense, Santiago Amor, fai un chamamento á cidadanía para que "se poña en coñecemento das forzas de seguridade calquera actitude sospeitosa". "É preciso non baixar a garda e analizar as liñas de traballo coas que podemos minorar os delitos" explica Amor, e engade que "na Xunta Local de Seguridade analizaremos o incremento das actividades delictivas que se produciu nos últimos meses no concello de Ames".

Dende o goberno local valoran de xeito moi positivo a actuación dos efectivos da Policía Local e a colaboración da mesma coa Garda Civil. A Policía Local de Ames atende unha media de tres incidencias diarias. As súas actuacións van dende os roubos en vivendas e liortas, á atención de familias ou sinalización de zonas perigosas entre moitas outras.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames convoca la Xunta Local de Seguridade tras la oleada de robos"