Pestanas principais

Convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS

Venres, 13 de xullo de 2012

[13-07-2012] A Concellaría de Educación do Concello de Ames vén de convocar as axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amienses ao longo do ano 2011. Esta liña de axudas ábrese a final de curso para poder recoller todas as actividades realizadas ao longo do ano. En total, destínanse 18.500 euros á subvención, ata un 80% do presuposto total, de saídas culturais e de actividades extraescolares. As solicitudes poden presentarse no rexistro xeral do Concello de Ames ata o vindeiro día 6 de agosto. As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación.

O obxectivo principal desta convocatoria de axudas é enriquecer a formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través do desenvolvemento de actividades coas que complementen a formación regrada que reciben nos centros educativos. Ademais, búscase promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico e impulsar a conciliación da vida laboral e familiar, así como ofrecer aos pais e nais unha alternativa fóra do horario escolar.

A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS.