Pestanas principais

Convocatoria de cursos gratuítos de linguaxe administrativa galega e preparatorios para os certificados Celga nas EOI de Galicia

Mércores, 24 de agosto de 2016

[24-08-2016] A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca, con carácter gratuíto, os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e os cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2016/17, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Os cursos impartiranse entre setembro de 2016 e maio de 2017, en horario de mañá ou de tarde.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos/ás empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 9 de setembro de 2016, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Para máis información pódese consultar a seguinte ligazón: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160819/AnuncioG0164-090816-0005_gl.html.