Pestanas principais

A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025

Martes, 04 de febreiro de 2025

O Pleno aprobou por unanimidade este martes, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2025” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames vai destinar 444.207,42 euros, para o financiamento de gasto corrente; e 1.073.870,30 euros para sufragar seis obras. Tamén se aprobou por unanimidade a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda coa Deputación, por importe de 271.894,53 euros, pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023; e o recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025 por importe de 124.162,38 euros. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025, para afrontar gastos realizados no exercicio 2024 sen o correspondente soporte contractual. Todos os gastos responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 124.162,38 euros. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “se trata de gastos xa efectuadas no exercicio 2024. Todas as facturas corresponden á realización de gastos necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. A maioría das facturas corresponden a traballos de mantemento, arranxos e de subministro”.

De seguido, debateuse de xeito conxunto os outros dos puntos da orde do día: a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2025” da Deputación provincial da Coruña; e a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización de préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. En primeiro lugar, foi aprobada por unanimidade a participación do Concello de Ames no POS+ 2025.

POS+ 2025
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer ditos temas. “Ao Concello de Ames correspóndenlle 1.948.577,30 euros, dos cales xa se aprobou no pleno ordinario do pasado mes de decembro o POS social que ascende a 158.605,14 euros. Agora toca aprobar 1.518.077,78 euros, para obras e gasto corrente, e mailo importe para a redución de débeda que ascende a 271.894,53 euros. Dentro do POS recóllense un total de 19 actuacións, 6 no POS principal e 13 no POS complementario”.

Por parte de Espazo Común, a concelleira Luísa Feijóo, dixo “trátase dun plan que recolle 19 proxecto e que se podería chamar o plan reciclaxe ou o plan copia e pega. Neste plan rescátanse varias obras de antigos plans como a pavimentación do viario de Capeáns a Pousada, que xa estivo no POS 2023, e varios proxectos que xa estaban incluídos no POS de 2024 como son a pavimentación no lugar de Barreiro e na aldea de Vilaverde e maila mellora da seguridade viaria en Buceleiras. As propostas deste grupo foron encamiñadas cara a mellora da accesibilidade, co arranxo de beirarrúas e pasos de peóns do Milladoiro e Bertamiráns. Tamén ían encamiñadas a obras de saneamento e ao arranxo da rúa Agro do Medio, no Milladoiro, sobre todo á altura do antigo centro de saúde. Está claro que calquera investimento que se faga será beneficioso para os veciños e veciñas, polo tanto, só nos queda pedirlle ao goberno máis planificación e xestión para que se rematen os proxectos de 2024 e se poñan, canto antes, cos de 2025, porque isto será en beneficio de todos os veciños e veciñas de Ames”.

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, agradeceulle ao goberno “por incluír dúas das oito actuacións propostas polo BNG, como son a pavimentación da estrada que une Capeáns e Pousada, na parroquia de Covas, e o arranxo das pluviais en Biduído de Abaixo, algo moi necesario e moi demandado polo noso grupo en numerosas ocasións. O resto de propostas que trasladamos dende o BNG foron as obras da segunda fase da Casa da Cultura do Milladoiro; a segunda fase da senda peonil dende Reino ata Ponte Maceira; o arranxo da ponte de Suevos; arranxo da ponte das Pontiselas e a pavimentación da estrada da Pontenova, en Agrón; a cubrición do anfiteatro do Milladoiro; e a pavimentación e o arranxo definitivo do aparcadoiro público que está situado detrás das dependencias da Policía Local. Pedímoslle ao goberno unha xestión eficiente e eficaz, de xeito que se poidan desenvolver o antes posible todas actuacións porque redundará en beneficio da veciñanza”. Ademais, solicitou “a maior celeridade posible na tramitación do expediente da senda dende A Ponte Maceira a Carballo, reivindicación da veciñanza de Trasmonte dende hai preto de dez anos”.

Pola súa banda, a voceira do PP de Ames, Oliva Agra, resaltou que a pesar de ter outras propostas “o noso grupo non entende de siglas, se non de cousas boas para os veciños e calquera investimento que veña para este concello e a súa veciñanza vai ser aplaudido polo Partido Popular de Ames. Por primeira vez nos últimos anos temos unha partida para sufragar o gasto corrente, que se destinará a cofinanciar o servizo de limpeza viaria deste concello. O resto dedicarase a varias obras repartidas ao longo do noso municipio. Son 19 proxectos, aínda que o que realmente aprobamos son seis proxectos, porque as trece restantes quedarán para máis adiante se a Deputación nos dá unha maior achega a través do plan adicional. Dende o Partido Popular fixemos 22 propostas, algunhas incluíronse e outras non, pero para nós todas as actuación que sexan boas para os veciños tamén son boas para nós, por iso imos a votar a favor”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, respondeu á oposición que “unha obra que vai no POS complementario de 2024 pode ir no POS principal de 2025. Se un ano non se poden executar todas as obras incluídas no POS complementario, o lóxico é que se inclúan no POS principal do ano seguinte. Non é un copia e pega, inclúense novos proxectos como a canalización de pluviais en Biduído de Abaixo. O que se di sobre que non hai obras empezadas do POS+ 2024 non é certo, están executándose obras na Ameixenda e en Seares de Abaixo. Do POS de 2024 están todos os proxectos licitados e contratos, excepto as obras de mellora no edificio da Escola de Música de Aldea Nova, que está en fase de licitación, e a senda dende A Ponte Maceira a Carballo, porque houbo que achegar documentación que solicitaron dende Patrimonio”.

Achega provincial de 2025 e 2024
Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2025 vaise a sufragar un único proxecto, o acondicionamento da rúa Agro da Vella, situada no Milladoiro, que conta cun orzamento de 326.160,41 euros.

Ademais, o Concello de Ames sufragará cinco actuacións a través da Achega provincial de 2024, que está dotada de 747.709,95 euros: pavimentación do viario de Capeáns a Pousada, na parroquia de Covas (94.037,57 euros); pavimentación de viarios na aldea de Barreiro, en Bugallido (174.758,04 euros); pavimentación de viarios en Lapido, na parroquia de Ortoño (140.271,95 euros); canalización de pluviais en Biduído de Abaixo (191.279,06 euros); pavimentación das rúas Telleira e Rueiro, e do treito inicial do camiño do Rueiro dende a avenida da Peregrina, e do viario que vai da Condomiña a Punxeiras, en Bertamiráns (147.363,33 euros).

Por outra banda, o Concello de Ames vai dedicar 444.207,42 euros para o financiamento de gasto corrente que se devengue no exercicio 2025. Deste xeito, sumando o financiamento para gasto corrente, e mailos investimentos, a través das Achegas 2025 e 2024, ao Concello de Ames correspóndenlle 1.518.077,78 euros.

Plan complementario de 2025
O Plan complementario de 2025 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar 13 proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 2.556.271.71 euros. Ese plan complementario contempla actuacións nas parroquias de Ames, Ameixenda, Ortoño, Bugallido, Piñeiro, Trasmonte e Biduído.

Deste xeito, están previstas as obras da pavimentación de viarios na aldea Pedrouzos, na parroquia de Ames (325.360,36 euros); pavimentación do viario Quintáns-Cortegada, na parroquia da Ameixenda (112.841,85 euros); pavimentación de viarios en Sisalde, na parroquia de Ortoño (219.507,25 euros); pavimentación de camiños peonís en Aldea Nova (183.060,02 euros); e pavimentación de viarios na aldea Vilaverde, na parroquia de Piñeiro (262.593,68 euros).

Ademais, contémplanse tres proxecto para a mellora da seguridade viaria de Costoia-A Moniña e no camiño de Framil, na parroquia de Biduído (231.139,17 euros); en Sorribas, na parroquia de Trasmonte (245.595,90 euros); e nas Buceleiras, na parroquia de Bugallido (237.077,74 euros). Tamén se acometerán obras de drenaxe transversal, debido á insuficiencia hidráulica en Piñeiro e en Pedras, na parroquia de Ames, aos que se van dedicar 60.380,31 euros e 51.309,53 euros, respectivamente.

Por último, dentro do plan complementario recóllese a renovación das beirarrúas na avenida da Maía ata o límite municipal de Brión (345.488,94 euros) e melloras en zonas máis preto aos núcleos urbanos do concello, como a pavimentación de viarios en Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño (197.199,98 euros) e para o acondicionamento do entorno recreativo da urbanización As Mimosas (84.716,98 euros).

Redución da débeda
Por último, aprobouse por unanimidade a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Deste xeito, dedicarase o importe de 271.894,53 euros para a redución de dita débeda.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames asigna los fondos del plan de obras a seis proyectos y a gastos"

El Correo Gallego: "Unanimidade para aprobar as obras do Plan Único en Ames"

 

A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025

Multimedia

  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025
  • A Corporación municipal aproba por unanimidade os 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025