- Tematica
A Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario de xaneiro, unha moción presentada conxuntamente entre os partidos políticos que forman o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos) e as asociacións veciñais de Ortoño, Bugallido e Biduído, na que se solicita que a Xunta asuma a súa competencia en materia de transporte metropolitano e preste o servizo de maneira inmediata a estas parroquias, trala desaparición da liña urbana de Santiago que chegaba ata Ortoño. Dita moción foi acordada coas asociacións veciñais de Ortoño, Bugallido e Biduído nunha xuntanza celebrada o pasado 18 de xaneiro. Todos os grupos políticos coincidiron en reclamar a restitución deste servizo de autobús.
En dita moción ínstase á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a asumir a súa competencia e restablecer de forma inmediata a cobertura de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído cun transporte directo a Santiago, ben sexa cunha nova licitación, conveniando co Concello de Santiago a extensión da liña P2 ou por modificación contractual do Plan de transporte metropolitano actual.
Tamén se lle solicita á Dirección Xeral de Mobilidade que lle remita ao Concello de Ames os informes e expedientes onde consten os motivos polos que en 2017 non sacou adiante o anteproxecto de explotación da presente liña. Por último, pídeselle á Dirección Xeral de Mobilidade que informe ao Concello de Ames de cales foron os motivos polos que non se incorporou esta liña nos novos contratos a sabendas de que o Concello de Santiago comunicou a súa intención de non prestar o servizo e sendo de interese metropolitano.
O Concello de Ames insiste na necesidade de que a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta dea unha solución inmediata ao problema de cobertura de transporte metropolitano ás parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, tras a retirada da liña urbana de Santiago que prestaba dito servizo. Para o Goberno municipal de Ames non é factible, nin ético, que a Xunta pretenda cargar a responsabilidade e o custe deste servizo ao Concello sen asumir a súa competencia.
O Goberno local destaca que Ames non pode, nin debe, asumir máis competencias impropias como pretende a Xunta e moito menos no referente ao transporte de viaxeiros. Desde o Concello instan á Dirección Xeral de Mobilidade a que faga uso da modificación de contrato que se recolle no punto 7 dos pregos administrativos da última licitación, que permite “a modificación, creación ou supresión das liñas...”, tal e como se recolle literalmente na norma. Así pois, solicitan que se cree unha nova liña, tal e como se recolle nos pregos, e ante a supresión da liña que prestaba dito servizo. Desde o Concello sinálase que a situación actual mudou con respecto ao pasado e que ante a falta de servizo a Xunta debe reaccionar.
Un convenio con Santiago ocasionaría un dobre prexuízo para a veciñanza
Desde o Concello de Ames insístese en que a realización dun convenio co Concello de Santiago non é unha alternativa real. Ademais, prexudica dobremente á veciñanza das parroquias afectadas, e do resto de Ames, que se vería obrigada a pagar esa liña cos seus cartos. Os habitantes de Ortoño, Biduído e Bugallido pasarían a pagar o billete ordinario de transporte urbano de Santiago e non pagarían coa tarxeta metropolitana, que é un 20% máis barato. Deste xeito, perderían as bonificacións existentes para o resto da veciñanza.
Ademais, a obrigación de pago das tarifas urbanas impediría a todos os mozos destas parroquias beneficiarse das “tarxetas xente nova”, deixando de ser gratuítos os viaxes e pasando a ter un custe un 55% maior que ata o de agora, o que supón unha discriminación sen precedentes para os mozos de Ames fronte ao resto de Galicia. O mesmo pasaría cos pensionistas, que só lle será gratis se están empadroados en Santiago, e deberían pagar a tarifa normal de 1 euro. Para o alcalde "esta proposta é inadmisible e sería aceptar que os veciños de Ames pasamos a ser de segunda e tratados cun agravio sen parangón”.
Para o Goberno local de Ames “é inaudito e inxusto que a Xunta pretenda obrigar á nosa veciñanza a perder dereitos e ter que asumir custes para os que non se ten competencia” e solicitan que a Dirección Xeral de Mobilidade recapacite e mude a súa postura.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou na sesión plenaria “o que estamos a facer é defender os intereses de toda a veciñanza de Ames. Esa é a nosa obriga. E esa defensa é non asumir máis competencias impropias. A Xunta de Galicia xa sabía en 2019 que Santiago non ía continuar prestando o servizo desa liña ata Ortoño e, polo tanto, deberíano ter incluído nos pregos do novo contrato que vén de poñerse en marcha no pasado mes de decembro”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames insta a la Xunta incluir a Ortoño, Biduído y Bugallido en la red de transporte metropolitano"