- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, asinou este luns, 27 de decembro, un decreto para a modificación das concellarías delegadas engadindo ao réxime de delegacións o de Axenda Urbana. Esta nova área será xestionada por David Santomil, que deste xeito parará a ser concelleiro de Educación e Axenda Urbana, que comprende as áreas de educación, servizos educativos complementarios, patrimonio histórico e axenda urbana. O obxectivo é de aglutinar dentro dunha mesma área todo o traballo relacionado coa Axenda 2030. Na actualidade estase na fase inicial de elaboración do documento da Axenda 2030 do Concello de Ames.
A Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario de outubro de 2020 o acordo para a adhesión do Concello de Ames á Rede de Entidades Locais para a implementación e desenvolvemento da Axenda 2030. O obxectivo deste proxecto é favorecer a coordinación de actuacións entre os Gobernos Locais para lograr o desenvolvemento sostible. Para avanzar neste eido o Goberno municipal de Ames vén de crear unha nova concellaría na que se inclúe a área de Axenda Urbana.
Deste xeito, crease a Concellaría de Educación e Axenda Urbana que xestionará o concelleiro David Santomil, que comprende as áreas de educación, servizos educativos complementarios, patrimonio histórico e axenda urbana. Santomil tivo as competencias de Educación e Cultura durante o mandato 2015-2019 e dende 2019 ata a actualidade xestionaba a Concellaría de Educación e Patrimonio Histórico.
O alcalde, Blas García, delegou esta área no primeiro tenente de alcalde, David Santomil, para que sexa o concelleiro que se encargue de coordinar os traballos relacionados con este proxecto estratéxico. Lembra ademais o alcalde que Santomil "é a persoa axeitada para xestionar a área de Axenda Urbana pola súa formación académica e de investigación, xa que é licenciado con grao en Xeografía e Doutor en Xeografía e Análise do Territorio, pola Universidade de Santiago de Compostela".
O obxectivo é aglutinar dentro dunha mesma área todo o traballo relacionado coa Axenda 2030, que se vai a facer durante os vindeiros anos. Deste xeito, preténdese recoller dentro do documento final da Axenda 2030, que na actualidade está en fase inicial, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e maila EDUSI Impulsa Ames.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, destaca que “a Axenda Urbana de Ames vai ser o documento estratéxico cara o 2030 no que se integran todas as actuacións no territorio (PXOM, EDUSI, PMUS,...) e que vai ser fundamental para captar novos fondos europeos no futuro próximo. Todo un reto e un orgullo tamén, pois é unha área relacionada coa miña formación académica e de investigación. Agradezo a confianza depositada en min por parte dos compañeiros e compañeiras do grupo de goberno e, especialmente, do alcalde”.
Plan de Acción Local de Ames
No Plan Ames Progresa 2021-2023 inclúese unha cantidade orzamentaria de 100.000 euros. A razón débese a que a Axenda Urbana é a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións para levar a cabo na vindeira década para facer do concello de Ames un lugar de convivencia máis amable, ordenado e saudable. Este documento non normativo fixa inicialmente unha diagnose da situación e marca as liñas de actuación a desenvolver dun xeito máis equitativo e sostible.
Durante este mes de decembro iniciáronse os trámites para a contratación do servizo de consultoría e asistencia técnica, que se encargará de prestar as tarefas e o asesoramento na elaboración dos documentos precisos de acordo co marco estratéxico, a metodoloxía, directrices e criterios que recolle a Axenda Urbana Española, para poder culminar co Plan de Acción Local de Ames, dando resposta aos ODS incluídos na Axenda Urbana das Nacións Unidas, na Axenda Urbana Europea e na Axenda Urbana Española. A proposta metodolóxica deberá partir obrigatoriamente da elaboración do documento inicial de diagnóstico estratéxico, así como o asesoramento técnico para o análise das diferentes convocatorias para obter financiamento a través dos distintos fondos europeos aos que interesaría presentar candidatura.
Durante o primeiro semestre de 2022, e unha vez rematado o documento inicial de diagnóstico estratéxico, procederase á licitación para a elaboración do Plan de Acción Local do Concello de Ames.
Finalmente, o rexedor municipal indica que “a creación desta nova área obedece, polo tanto, a poñer en valor a xestión e desenrolo dos traballos da creación da Axenda Urbana polo que supón para o futuro do noso concello, e no que se deberá contar coa participación e achegas de todos os grupos municipais da corporación, ademais dos distintos sectores que conforman o tecido asociativo amesán e da veciñanza en xeral".
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Santomil suma competencias en Axenda Urbana e liderará o traballo ca mira no reto 2030"
Lindeiros: "Ames terá unha nova concellaría que asumirá David Santomil"