Pestanas principais

Culmina con éxito a I Feira do Voluntariado

Martes, 01 de xuño de 2021

400 quilos de alimentos e produtos infantís recadados, 60 bicicletas doadas para enviar a Africa, ampla venta de camisetas cuxo beneficio irá a parar ao banco de alimentos e unha morea de proxectos novos que as entidades colaboradoras e o concello de Ames irán desenvolvendo a curto e medio prazo  é o balance da I Feira do Voluntariado, celebrada no Pazo da Peregrina a pasada fin de semana. O éxito da Feira reflíctese tamén no elevado número de visitas ao recinto e na participación nos obradoiros e nas charlas.

“Estamos moi satisfeitos porque os obxectivos cumpríronse con creces”, manifesta a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luísa Feijóo que destaca o papel da feira como elemento de cohesión entre as distintas entidades que traballan a prol dos demais e as administracións, neste caso locais, que participaban na feira. “Ademais do acadado materialmente -camisetas vendidas, alimentos recadados e bicicletas doadas,  cómpre salientar a gran cantidade de proxectos que agromaron e dos que iremos dando conta a medida que poidamos ir sacándoos adiante, o que pon de manifesto que a conexión de persoas e entidades que propiciou a feira é do máis fructifera e do máis necesaria”.

A concelleira salientou ademais que a feira deixou patente a necesidade de que os concellos conten con oficinas de voluntariado e con persoal técnico especializado: “É unha magoa, pero son moi poucas as oficinas de voluntariado que existen na provincia de A Coruña e mesmo en toda Galicia”. Feijóo asegurou que a Feira tería continuidade e que ademais os encontros entre as entidades e persoas que traballan co voluntariado seguiríanse producindo: “son necesarios para compartir experiencias e boas prácticas” e agradeceu o espírito de concordia que reinou no evento e o apoio que os políticos deron aos seus técnicos: “alí estabamos representantes de varios concellos e de varios partidos políticos e estabamos xuntos traballando polo ben común e por sacar adiante proxectos de interese para todos e para todas”.

A Feira desenvolveuse na solaina e nos xardíns do pazo. Colocáronse 20 carpas onde as distintas entidades participantes amosaron os seus proxectos, ofreceron información do que significa e que trámites hai que seguir para facerse voluntario/a e realizarán faladoiros e actividades . Durante toda a feira puido visitarse a exposición “Ames Coopera”.  A empresa  BJ Trainers e XEA ofreceron clases de ximnasia a cambio de alimentos non perecedoiros e os responsables da organización entregaron chapas, lapis e pulseiras conmemorativas aos visitantes.

Feira do voluntariado

Multimedia

  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado
  • Feira do voluntariado