[09-11-2016] Este mércores o centrosociocultural do Milladoiro acolleu a presentación da programación do Outono Cultural en Ames. Na rolda de prensa estiveron presentes o concelleiro de Educación e Cultura amesán, David Santomil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e os dous artistas galegos dun dos espectáculos deste programa, Menú da Fala, o debuxante Luís Dávila e o actor e cómico Carlos Blanco. Ambos estarán presentes este domingo no Milladoiro presentando, precisamente, o Menú da Fala.
O espectáculo deste domingo no centro sociocultural, que comezará ás 18:00 horas, enmárcase na programación do Outono Cultural da Deputación da Coruña. Unha serie de espectáculos cuxo fío condutor son tres figuras galegas das que este ano se celebran sendas efemérides culturais: Manuel María, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, protagonista do ano Castelao Artista, e as Irmandades da Fala, que cumpren no 2016 o centenario do seu nacemento. O concelleiro de Educación e Cultura amesán, David Santomil, quixo comezar o acto de presentación deste mércores agradecendo que Ames sexa un dos puntos escollidos para varias das representacións.
“Ames está a ser un referente cultural en moitos aspectos”, sinalou Santomil. O concelleiro empregou como exemplo a posta en marcha da Billeteira electrónica “como un método de facilitar á veciñanza á asistencia ás representacións”. Quixo felicitar á Deputación da Coruña o traer un espectáculo como o Menú da Fala á par que reafirmaba a necesidade de seguir investindo en cultura: “en Ames a cultura ferve e por iso necesitamos mellorar e ampliar os espazos culturais”. E é que xa non hai entradas dispoñibles para a obra que Carlos Blanco e Luís Dávila representarán este domingo ás 18:00 horas no auditorio municipal do Milladoiro.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, explicou que a programación segue dúas liñas diferentes. Por unha banda representacións para todo o público, como a do día 10, e pola outra actuacións que se levarán ás aulas de primaria e secundaria. O IES de Ames foi o escenario da obra O conto de Barriga Verde este martes, mesmo día no que o CEP de Ventín acolleu a representación de Retrincos.
Tanto Blanco como Dávila expuxeron a súa satisfacción de representar o Menú da Fala en distintos puntos de Galicia. Expresaron ademais o seu agradecemento ante á reacción tan positiva do público. “Luís debuxa en galego”, expresou Blanco sobre o debuxante co que traballa dende fai catro anos. Entre ambos, partindo dos cimentos de espectáculos previos, reúnen ao humor coa arte plástica para cociñar un menú co galego como prato principal. Nel están presentes as figuras homenaxeadas este ano, que cobran vida a través das verbas coa lingua na que Blanco “xoga, brinca”, ao tempo que debuxa Dávila.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:"El Outono Cultural ofrece actuaciones en seis concellos"
El Correo Gallego:"O Outono 2016 segue con micoloxía, saídas, maxia e contacontos dende Ames"