- Tematica
Dende onte, mércores 15 de febreiro, xa non é necesario pedir cita previa para ser atendido nas oficinas do Concello de Ames, e os veciños e veciñas que desexen realizar trámites presenciais nas distintas dependencias son atendidos por orde de chegada. O sistema de cita previa púxose en marcha en agosto do 2020 para cumprir coas medidas sanitarias impostas tras a chegada da pandemia da COVID 19. Para consultar máis información sobre as distintas xestións que se poden realizar e a documentación a presentar nas Oficinas en materia de rexistro e no Padrón municipal pódese acceder á sección de departamentos municipais da web co Concello de Ames.
O Concello de Ames anuncia que o día de onte, 15 de febreiro, deixou de ser necesario sacar cita previa a través da páxina web municipal para acudir ás Oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas en Bertamiráns e no Milladoiro, ao Padrón municipal ou para realizar trámites a través do Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR). A partir deste momento, o persoal das distintas oficinas municipais atenderá a todas as persoas que o desexen por orde de chegada.
Así mesmo, queda tamén bloqueado o sistema online de citas previas que se puxo a disposición da veciñanza a través da Sede electrónica do Concello de Ames, e o acceso directo que se creou na web, na sección de Trámites e servizos.
O servizo puxérase en marcha pola situación xerada pola pandemia da COVID 19, no marco das medidas adoptadas para protexer a saúde e prestar un mellor servizo á cidadanía, e queda agora eliminado con motivo da mellora da situación sanitaria.
Para coñecer máis información sobre os trámites que se poden realizar a través dos distintos departamentos municipais, así como para consultar os teléfonos e enderezos electrónicos, pódese acceder á sección da web municipal premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames suprime la cita previa en sus oficinas municipales"
AMS GO!: "Adeus á cita previa obrigatoria no Concello de Ames"