- Tematica
Este pasado mércores, 9 de outubro, o concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse na Coruña co vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e cos alcaldes e concelleiras dos concellos de Brión e Padrón, co obxectivo de seguir avanzando no impulso da ruta rosaliana “As pegadas de Rosalía”. Deste xeito, a Deputación da Coruña colaborará para impulsar un proxecto de sinalización turístico intelixente da Ruta Rosaliana co obxectivo de mellorar a imaxe, modernizar o sistema de información e facer máis accesíbel un recurso de especial interese turístico creado arredor do territorio biográfico e literario de Rosalía de Castro.
A sede da Deputación Provincial da Coruña acolleu este mércores, 9 de outubro, unha reunión entre o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e cos representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión e Padrón, durante a que se pormenorizaron algunhas das medidas para avanzar na definición e no sistema de financiamento do proxecto de sinalización intelixente da Ruta Rosaliana, que percorre os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro ao longo dos concellos de Ames, Brión, Padrón, Santiago e Dodro.
Na xuntanza, por parte do Concello de Ames, participaron o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure; do concello de Padrón acudiu o alcalde, Antonio Fernández, e maila concelleira de Turismo, Lorena Couso, mentres que de Brión acudiu a concelleira de Turismo, Yolanda Bouzas.
Na xuntanza, decidiuse que as institucións participantes asinarán un convenio de colaboración intermunicipal para botar a andar un proxecto que mellorará a imaxe de calidade da ruta, empregará códigos QR para ofrecer información online de recursos e mapas, incorporará beacons para ofrecer produtos e servizos personalizados a través do teléfono móbil e ofrecerá acceso á reserva de aloxamentos, restaurantes e actividades antes da viaxe ou no destino.
A iniciativa dotará dunha tecnoloxía avanzada a turistas dixitais que queiran recibir a información nos seus dispositivos e poidan acceder a servizos para a preparación da súa viaxe. Contempla así un plan integral de sinalización turística coa actualización dos soportes e a incorporación de novas tecnoloxías para a sinalización intelixente.
O concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, explica que “esta xuntanza serviu para avanzar na definición e no sistema de financiamento do proxecto de sinalización intelixente da Ruta Rosaliana. Trátase dunha ruta con moito potencial, polo que tratarase de facer un plan integral de sinalización turística coa actualización dos soportes e a incorporación de novas tecnoloxías para a sinalización intelixente”.
O proxecto contempla a análise e diagnóstico da situación actual da ruta e a elaboración do plan director da sinalización e o desenvolvemento do novo sistema de destino turístico intelixente conectado.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Adáptase a Ruta Rosaliana ás novas tecnoloxías"