- Tematica
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Ames, Blas García, asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar o acondicionamento e mellora das beirarrúas da avenida da Maía, en Bertamiráns. A entidade provincial achega o 80% do financiamento do proxecto, que son 241.000 euros, e a Administración local o 20% restante, que son 60.000 euros. O proxecto contempla a mellora estética e funcional das beirarrúas, incrementando o espazo para uso dos peóns.
O orzamento total da execución ascende a 301.205 euros, dos que a entidade provincial aporta o 80% do financiamento, que supón 240.964 euros, e a Administración local a cantidade restante, que son 60.241 euros. Cómpre lembrar que no pleno ordinario de xuño de 2021 aprobouse por unanimidade de toda a Corporación municipal a solicitude de dita subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña.
A avenida da Maía é a principal arteria de Bertamiráns e, dende que no ano 2020 se conseguiu a cesión da mesma por parte da Xunta, o Goberno municipal está traballando na súa humanización. Nos últimos meses xa realizaron melloras no pavimento da estrada e agora preténdese mellorar o estado das beirarrúas.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, indica que “dende o Concello encargouse a redacción dun proxecto técnico para coñecer as melloras que eran necesarias executar nas beirarrúas da avenida da Maía e o seu custe total. Debido a que o proxecto ten un elevado custe, que non pode ser integramente asumido polo Concello, solicitámoslle á Deputación unha subvención nominativa. Agora unha vez asinado o convenio podemos proceder a licitar as obras e agardamos poder executalas o antes posible xa que é unha actuación moi necesaria para Bertamiráns”.
Actuacións previstas
Na actualidade, as beirarrúas de ambos marxes da avenida da Maía presentan un estado deficiente e heteroxéneo froito das distintas intervencións realizadas, así como do uso da maquinaria de limpeza viaria que debido ao peso e ao uso habitual ocasionan danos. Existen, ademais, numerosas arquetas e pozos de rexistro que, nalgún dos casos, se atopan deteriorados.
Debido a iso as actuacións proxectadas están encamiñadas a unha mellora estética e funcional, así como o incremento do espazo público empregado polos peóns na avenida. Ademais das beirarrúas, proxéctase a colocación de baldosa de formigón vibrado e unha capa de xabre. Como elementos de separación co viario incluiranse bordos de formigón prefabricado e as súas respectivas cunetas.
Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas resolveranse cun pavimento de 20 centímetros de formigón impreso con malla electrosoldada e fibra de nailon sobre unha capa de 10 centímetros de xabre. O acabado superficial resultante simulará o corte da baldosa de granalla.
Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.
Incremento do espazo peonil
O incremento do espazo peonil require da reposición de 9 arquetas con sumidoiros, a colocación de 3 novas, a adaptación á nova rasante de 7 pozos de rexistro e o retranqueo de 9 luminarias. Tamén se contempla a reposición da canalización da iluminación pública a base de tubo de polipropileno.
O mobiliario urbano estará composto por unhas xardineiras de fundición rectangulares para a plantación de arbustos ornamentais e plantas aromáticas, e outras de fundición esféricas para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán 4 bancos de formigón con asento e respaldo de madeira e unha varanda de aceiro inoxidable para a contención de peóns.
As actuacións complétanse coa reposición de sinalización horizontal afectada e a limpeza do pavimento que se mantén nos treitos de beirarrúa no que se actúa.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Destinan 300.000 euros á mellora das beirarrúas na avenida da Maía en Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Bertamiráns tendrá aceras más anchas y árboles en la avenida da Maía"
AMS GO!: "Ames e a Deputación asinan un convenio para mellorar as beirarrúas da avenida da Maía"
Enfoques: "Deputación y Concello de Ames invertirán 301.000 euros en mejoras en la avenida da Maía"