Pestanas principais

A Deputación e o Concello de Ames invisten 200.000 euros para potenciar o sector audiovisual amesán

Luns, 12 de decembro de 2022

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Deputación aportará 160.000 euros, o 80% do orzamento total do proxecto, mentres que o Concello de Ames achegará 40.000 euros, o 20% restante. Deste xeito, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames investirán, de xeito conxunto, 200.000 euros para a creación do ‘Ames AudioVisual LAB’, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio.

‘Ames AV LAB’ busca transformar e avanzar cara a nova produción audiovisual, competitiva globalmente e adaptada ás tendencias e demandas do consumidor, para o que vai desenvolver prácticas innovadoras e estratexias transformadoras. O programa propón unha oferta eminentemente práctica e conta coa colaboración de empresas como Ficción Producións, Cinemar Films, Zenit Tv, Setemedia, Alfonsín DIgital Lab ou a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Ademais, conta cunha visión internacional en distintos ámbitos, desde a definición de estratexias de distribución e internacionalización adaptadas aos proxectos, ao establecemento dunha rede de contactos e colaboración con festivais, foros internacionais e organismos que contribúan a impulsar a súa produción.

O alcalde de Ames, Blas García, indicou que “imos iniciar un traxecto moi importante de aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito” e apuntou que “somos un concello que aposta polo audiovisual e que ten importantes empresas do sector afincadas no municipio, no parque empresarial do Milladoiro, onde ademais temos o coworking ‘A Proa’, financiado e impulsado pola Deputación da Coruña, que está enfocado ao audiovisual e ao sector tecnolóxico e que nos vai a servir para, conxuntamente coas empresas tanto do concello como de fóra, achegarlle a información que necesitarán os proxectos”.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que o ‘Ames AV LAB’ parte “dunha aposta moi forte por parte do Concello para dar soporte, apoio e acompañamento aos proxectos audiovisuais, desde que nacen ata que se expanden, a través de sistemas de formación, de bolsas ou de promoción nacional e internacional” e lembrou a importancia do sector audiovisual, que crea en Galicia “máis de 4.000 postos de traballo e aglutina a máis de 700 empresas”, o 75% delas na provincia coruñesa.

Formoso tamén salientou que este proxecto “encaixa perfectamente co que impulsamos desde a Deputación da Coruña para crear, cun investimento de 6,7 millóns de euros, un dos maiores estudos virtuais de produción audiovisual de España, que estará ubicado na Cidade das TIC, pero que vai a dar soporte técnico a ese gran ecosistema de creatividade que radica en Santiago, A Coruña e Ames, principalmente, e que para nós é unha aposta de futuro clara”.

Desenvolvemento de proxectos, formación e networking
O ‘Ames AV LAB’, que estará situado no Milladoiro nas instalacións do Coworking ‘A Proa’ da rede provincial de espazos de traballo colaborativo, dará soporte a un total de 15 proxectos, que serán seleccionados a través dunha convocatoria que se publicará proximamente.

Os criterios de valoración da selección terán en consideración buscar a promoción de proxectos diversos e inclusivos. Do mesmo xeito, priorizarase a incorporación daqueles que teñan o idioma galego como lingua vehicular e estableceranse mecanismos que garantan unha representatividade equilibrada de xénero e para a incorporación de persoas mozas menores de 30 anos ao sector.

Os destinatarios do proxecto son novos creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de realidade virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o alcance local e provincial.

70.000 euros en bolsas para creación audiovisual
Ademais, os participantes poderán optar a unha convocatoria de bolsas que conta con 70.000 euros de orzamento, seleccionando sete proxectos que poderán recibir unha axuda de ata 10.000 euros que deberán destinarse á creación e desenvolvemento da súa proposta.

Por outra banda, en cada convocatoria os proxectos apoiados participarán nunha academia denominada ‘AV School’ na que se desenvolverá un programa formativo que consta de nove dominios: creación e desenvolvemento, produción, posprodución, financiamento e patrocinio, marketing, dereitos, desenvolvemento de audiencias, distribución e comercialización e workshops técnicos. Cada un dos dominios contará cunha serie de obradoiros impartidos por profesionais expertos en la materia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tendrá en el centro A Proa un laboratorio audiovisual con capacidad para 15 proyectos"

El Correo Gallego: "Crearán un laboratorio para impulsar el sector audiovisual desde Milladoiro"

Enfoques: "Ames lanza 'Ames AudioVisual LAB'"

AMS GO!: "Deputación e Concello crean o AV LAB, dotado de 200.000€ para potenciar o audiovisual"

Imaxe da sinatura do convenio

Multimedia

  • Imaxe da sinatura do convenio
  • Imaxe da sinatura do convenio
  • Imaxe da sinatura do convenio