- Tematica
O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 13 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2022. Foi a sexta ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición inscribíronse 408 ciclistas que tiñan que dar dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros. Foi unha proba moi dura debido ao frío e á chuvia. Preto de 50 persoas tiveron que ser atendidas con hipotermia e houbo preto de 20 incidencias de bicicletas por avarías. Finalmente, 141 ciclistas chegaron á liña de meta.
O concello de Ames acolleu este domingo, 13 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2022. Este ano dito circuíto está composto de cinco probas. A primeira proba da Transgalaica 2022 tivo lugar o pasado 27 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As tres probas restantes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda.
A proba disputada no termo municipal de Ames discorreu por un circuíto de 33 quilómetros ao que houbo que dar dúas voltas completando un total de 66 quilómetros. A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volveuse ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.
Gañadores nas categorías masculina e feminina
Na categoría masculina o primeiro clasificado foi Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo Oiense, cun tempo de 3:01:31. Na segunda posición quedou Samuel González Carrera, do Club ciclista Máis que Bicis, cun tempo de 3:01:48; e terceiro foi Manuel Paz Carramal, do Club ciclista Armenteira e Punto, cun tempo de 3:18:52.
Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Desiree Fernández Rey, do Club ciclismo Ribadumia, cun tempo de 4:25:27. Na segunda posición quedou Silvia Blanco Dosil, do Club ciclista Avelaiñas, cun tempo de 4:32:11; mentres que terceira foi Rebeca Muñoz Narciso, co Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 4:33:48. Premendo neste enlace podes descargar a clasificación xeral da proba.
Na entrega de premios participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira e mailo concelleiro do Partido Popular de Ames, Oliva Agra e Pablo Beiroa; e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas.
Este ano a proba de Ames estivo caracterizada pola dureza do percorrido provocada polo frío e a chuvia. Dita dureza provocou que preto de 50 persoas tiveran que ser atendidas con hipotermia e houbo preto de 20 incidencias de bicicletas por avarías. Finalmente, 141 ciclistas chegaron á liña de meta.
O director da proba e membro do Club ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, incidiu na dureza desta proba. “Este día vai a quedar gravado no corpo de todos os participantes. Foi unha Transgalaica que puxo ao limite a moitos dos ciclistas e fíxonos ver o duro que poder ser o noso deporte. Todos sabemos que o tempo en Ames soe ser moi caprichoso, pero o deste ano foi épico polo frío e a choiva que marcou por completo a proba”.
Operativo de 100 persoas
Esta proba contou coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames, da Policía Local e do persoal auxiliar do Club Os Esfola Arrós. Houbo unhas 80 persoas distribuídas o longo dos 33 quilómetros que tiña o circuíto para atender posibles incidentes. Jorge Pérez engadiu que “a proba de onte puxo a proba todo o traballo que hai detrás dun evento, que moitas veces non nos damos conta, pero que é impresionante e imprescindible para conseguir que non pase nada, nun evento de 400 corredores e 100 persoas de organización non pode haber nada ao azar”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu “a todas as persoas que dunha maneira ou doutra colaboraron para que esta proba fose unha vez máis todo un éxito. Teño que agradecer o traballo da Policía Local, de Protección Civil, do club Os Esfola Arros, a empresa Team Relay, a Federación Galega de Ciclismo, ao persoal municipal da Concellaría de Deportes, ás compañeiras e compañeiros da Corporación municipal, que participaron na entrega de premios, ás participantes e aos participantes, xa que sen eles non sería posible, así como a todas as persoas que se achegaron a desfrutar desta sexta edición da Transgalaica de Ames”.
Novas relacionadas
Enfoques: "Diego Álvarez y Desiree Fernández ganan la segunda prueba de Transgalaica, disputada en Ames"