Pestanas principais

Diego Calvo clausura en Ames o proxecto HERA

Xoves, 18 de setembro de 2014

[18-09-2014] O presidente da Deputación de A Coruña, Diego Calvo e o alcalde de Ames, Santiago Amor clausuraron esta mañá en Ames o proxecto HERA, un programa destinado a mulleres con especiais dificultades de inserción no mercado laboral que se desenvolveu entre marzo e xuño deste ano e que foi financiado pola Deputación Provincial a través das concellarías de Benestar Social e Promoción Económica e Traballo. A concelleira de Servizos Sociais, María Eugenia Martín, o concelleiro de Traballo e Promoción Económica, Bernardo Moar e Luis Artos, xerente de Carrefour, empresa onde varias das alumnas fixeron as prácticas, tamén acompañaron ás alumnas do proxecto no acto de clausura. O acto de entrega de diplomas tivo lugar na sala multiusos da recentemente reformada biblioteca do Milladoiro, obra que tamén foi financiada pola Deputación Provincial con máis de 110.000 euros.

Todos os asistentes coincidiron en sinalar a importancia deste tipo de programas dirixidos a colectivos con problemas de inserción no mundo do traballo. O presidente da Deputación, Diego Calvo animou ás mulleres “a seguir formándose” para “loitar por un futuro e un posto de traballo nun mercado laboral difícil”. Aludiu a que, tras a conclusión do programa, “queda o máis difícil”, que é manter “esa ilusión e esa forza” que, dixo, “é fundamental para a procura dun futuro mellor e que demostraron posuír  estas mulleres para sacar tempo de onde non o ten e cumprir cos obxectivos do programa”.

O alcalde de Ames, Santiago Amor trasladoulle os parabéns ás participantes e fixo fincapé en poñerse a disposición das persoas que o están a pasar mal, como se está a facer tanto desde os servizos sociais do concello como dende o departamento de promoción económica para axudar a mellorar a empregabilidade dos veciños/as de Ames. O alcalde agradeceu á Deputación Provincial o seu apoio tanto neste proxectos como noutras accións formativas e de mellora dos espazos de formación.

Pola súa banda a concelleira de Servizos Sociais, María Eugenia Martín, felicitou ás participantes e mostroulles o seu agradecemento por terse esforzado para aproveitar ao máximo as clases e convidounas a seguir loitando “a pesares dos tempos difíciles que estamos a vivir -dixo- hai que manter a forza para que cada vez sexan menos os desequilibrios que protagoniza a muller no mundo laboral. Neste sentido consideramos primordial traballar na diminución da taxa de desemprego e cara o aumento da taxa de empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción social. Estamos convencidos que iniciativas como o este programa son fundamentais para conseguilo”. 

No nome das alumnas do proxecto HERA falou Miriam que agradeceu a Deputación Provincial de A Coruña e ao Concello de Ames a oportunidade de poder formarse para entrar no mundo do traballo. Miriam destacou que ademais dos contidos concretos adquiridos, o curso lles servira para creer moito máis no seus propios potenciais e gañar en autoestima e seguridade á hora de afrontar o mercado laboral.

O proxecto HERA tivo como obxectivo mellorar a empregabilidade das mulleres amienses con especiais dificultades de inserción laboral. No proxecto participaron 20 mulleres de Ames que recibiron máis de 200 horas de formación en competencias claves en itinerarios de comercio e hostalería. O 100% das alumnas que se presentaron aos exames en competencias claves aprobaron. Trala formación teórica, 12 alumnas completaron un total de 80 horas de prácticas en diferentes empresas de Ames e de Santiago de Compostela. Unha das alumnas que participaron nas prácticas conseguiu un posto de traballo, mentres que outras alumnas xa foron chamadas para participar en varias entrevistas de traballo.

No contexto económico e de emprego que está vivindo a sociedade actual, e que afecta de maneira especial á muller, dende o Centro de Información á Muller do Concello de Ames deuse un paso máis poñendo en marcha un programa de inserción laboral e social, en igualdade de oportunidades, a través de programas formativos de mellora da empregabilidade das mulleres. Neste senso, o proxecto HERA constituiuse nun proxecto innovador dentro dos Servizos Sociais do Concello de Ames, a través do cal se pretendeu incrementar os niveis de empregabilidade e facilitar a inserción laboral das mulleres con especiais dificultades de inserción social.

Nun primeiro momento as 20 alumnas participaron nunhas xornadas de orientación laboral. A continuación, comezaron cun itinerario de competencias claves. As alumnas recibiron ademais formación en materias como lingua galega, matemáticas e lingua castelá. Unha vez rematada a formación en competencias claves, que tivo unha duración de 80 horas, realizaron un curso de manipulador de alimentos de 4 horas. O 100% das alumnas que se presentaron aos exames en competencias claves aprobaron. De seguido comezaron co itinerario de comercio e hostalería, no que recibiron 76 horas de formación. Tamén tiveron que participar en cursos de informática e de outplacement - coaching para a recolocación, que tivo 16 horas de duración.

Trala formación teórica, 12 alumnas completaron un total de 80 horas de prácticas, repartidas en 10 días, en diferentes empresas de Ames e de Santiago de Compostela, relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Unha das alumnas que participaron nas prácticas conseguiu un posto de traballo, mentres que outras alumnas xa foron chamadas para participar en varias entrevistas de traballo.

Potenciación da empregabilidade

Por outra banda, houbo sesións de orientación individualizadas durante todo o curso. A titora encargada de impartir estas sesións analizou as necesidades especificas de cada muller potenciando a súa empregabilidade e dotándoas de recursos, habilidades e destrezas co fin de alcanzar a incorporación efectiva ao mercado de traballo.

Os principais obxectivos do proxecto HERA foron mellorar os niveis de formación e cualificación, promocionando a reciclaxe profesional das usuarias; dinamizar a promoción do autoemprego; e personalizar a orientación cara as necesidades formativas e inserción laboral.