Pestanas principais

Diego Liñares estrea ao MillaRaio nun campionato de España sub20 noutra fin de semana de competicións

Venres, 25 de marzo de 2022

O pasado sábado 12 de marzo, o corredor Diego Liñares participou en Antequera no campionato de España sub20 en pista cuberta, o que o converteu no primeiro deportista do MillaRaio en estar nunha proba nacional sub20. Liñares quedou a piques de pasar ás semifinais nos 60 metros valos. Ademais, na mesma fin de semana, o MillaRaio conseguiu tres medallas nos campionatos sub16, sub18 e sub20 de lanzamentos longos, e oito atletas estiveron nos galegos de pista cuberta sub10, sub12 e sub14.

Continúa a participación do club de atletismo MillaRaio en diferentes competicións galegas e nacionais. Neste senso, o pasado sábado 12 de marzo Diego Liñares competiu no campionato de España sub20 en pista cuberta, celebrado en Antequera, en Málaga, converténdose deste xeito no primeiro atleta sub20 do club en participar nun campionato nacional. Liñares correu nos 60 metros valos, correndo na primeira serie e marcando un tempo de 8,67 segundos, quedando a 15 centésimas de pasar ás semifinais.

Tres medallas nos campionatos galegos de lanzamentos longos

O pasado domingo 13, o MillaRaio acadou bos resultados no campionato de Galicia de lanzamentos longos nas categorías sub16, sub18 e sub20, celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. O club conseguiu tres metais nunha xornada con moito vento e chuvia, que dificultou que os deportistas participantes mellorasen a súas marcas persoais.

Nuno Castro gañou a proba de xavelina de 600 gramos sub16, conseguindo malia as condicións meteorolóxicas o seu mellor rexistro persoal, cun lanzamento de 37,94 metros. Tamén na categoría sub16, Pablo Cariñena levou o bronce en disco dun quilo sub16, chegando ata os 26,58 metros.

A participación sub18 tamén foi positiva, destacando a prata conseguida por Alfonso Labella no seu debut co martelo de 5 quilos, acadando os 41,50 metros. Ademais, o atleta sumou a esta actuación un sexto posto en xavelina de 700 gramos. Na modalidade de disco 1kg, Julia González foi quinta, mentres que Álex Cabo foi sexto en xavelina de 600 gramos.

Oito atletas nos galegos en pista cuberta sub10, sub12 e sub14

O sábado 12 continuaron os campionatos galegos en pista cuberta que se están a celebrar en Ourense dende comezos de ano, desta vez coas categorías sub10, sub12 e sub14, ás que acudiron oito atletas do MillaRaio.

A maior participación foi na categoría sub14, na que Lucas Campos rozou o podio e quedou cuarto nos 60 metros valos, cunha marca de 13,42. Nos 60 metros lisos, Olalla Gil foi terceira na final D, cun tempo de 9,14 segundos, mentres que Alvarecho González foi sexto na final C, cun tempo de 8,99. Ademais, González rematou décimo no triplo salto, chegando aos 8,68 metros. Tamén con dobre participación, Sabela Jallas foi segunda na final C dos 60m valos cun 11,54, ademais de quedar décima no triplo, cunha marca de 8,68 metros.

Pola súa banda, Tomás Bandín foi quinto na final B dos 1.000 metros, parando o crono en 3:28.16. Ariadna Gómez correu os 500 metros en 1:29.65, rematando oitava na final A , e foi ademais duodécima no triplo salto, cun rexistro de 8,42 metros. Lucía López quedou sexta na final C dos 1.000 metros, marcando un 3:48.88, a mesma disciplina na que correu a súa irmá, Laura López, a única representante sub10. Nesta ocasión, Laura rematou quinta na final B, cun tempo de 4:35.64.

Diego Liñares, no campionato de España sub20

Multimedia

  • Nuno Castro, gañador da proba de xavelina de 600 gramos sub16
  • Pablo Cariñena, bronce en lanzameno de disco de 1kg sub16
  • Alfonso Labella, prata no lanzamento de martelo de 5 quilos sub18
  • O MillaRaio nos campionatos galegos en pista cuberta sub10, sub12 e sub14
  • Ariadna Gómez, nos 500 metros no campionato sub14
  • Lucía López, nos 1.000 metros no campionato sub14