Pestanas principais

Diego Rojo e Krzysztof Powałka protagonizan a volta dos encontros literarios en Ames no curso 2022-2023

Martes, 30 de agosto de 2022

Co inicio do curso escolar 2022-2023 volven unhas das principais actividades de animación á lectura para o público adulto das bibliotecas amesás. Os encontros literarios en Ames arrincan este xoves 1 de setembro coa presentación da obra “O roubo do sol”, un poemario de Diego Rojo con ilustracións do artista polaco Krzysztof Powałka. Será ás 20:30 horas, na biblioteca municipal de Bertamiráns. Ilustrador e escritor estarán acompañados polo editor Paulo Nogueira, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas de Ames retoma coa chegada de setembro unha das súas propostas con mellor acollida, os encontros literarios. Estas presentacións, que serven para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza amesán, contaron cunha ampla participación ao longo do último trimestre de 2021 e da primeira metade de 2022. En total, unhas 475 persoas participaron nos 18 encontros organizados polas bibliotecas, cunha media de 26 persoas asistentes por xornada.

Neste primeiro encontro literario do curso escolar 2022-2023, o protagonismo será para o escritor Diego Rojo e o artista Krzysztof Powałka, que colaboran no poemario “O roubo do sol”, publicado na colección “Letra inversa” da editorial Toxosoutos. A presentación terá lugar o xoves 1 de setembro na biblioteca municipal de Bertamiráns, ás 20:30 horas.

Diego Rojo Garrido (Malpica, 1969) é escritor e profesor de secundaria. “O roubo do sol” é o seu primeiro poemario, aínda que ten escrito manuais deportivos, relatos curtos e unha novela aínda inédita. Na actualidade compaxina o traballo coa súa paixón polo deporte e a música, colaborando con distintas formacións, e con este proxecto co que combina pintura e literatura da man de Krzysztof Powałka.

Precisamente, o ilustrador e pintor polaco Krzysztof Powałka (1985) estudou Belas Artes en Katowice (Polonia) e Urbino (Italia). Os seus cadros expóñense non só no seu país natal, senón tamén por toda Europa, con obras en galerías en España, Italia, Mónaco ou os Países Baixos. Neste senso, e complementando á presentación, algúns dos seus traballos estarán expostos entre o 1 e o 11 de setembro na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ignacio Castro presenta hoy libro en Santiago y Diego Rojo y Krzysztof Powalka, en Ames"

El Correo Gallego: "Diego Rojo vai presentar o poemario ‘O roubo do sol’"

Enfoques: "Diego Rojo e Krzysztof Powałka protagonizan a volta dos encontros literarios en Ames"

Diego Rojo e Krzysztof Powałka protagonizan a volta dos encontros literarios en Ames no curso 2022-2023

Multimedia

  • Diego Rojo e Krzysztof Powałka protagonizan a volta dos encontros literarios en Ames no curso 2022-2023