- Tematica
Municipalismo e solidariedade danse a man esta fin de semana en Ames coa posta en marcha da I Feira do Voluntariado na que participan vinte catro entidades e as oficinas de voluntariado dos concellos de Padrón, Vedra e Negreira. A Feira inaugurase o venres 28 de maio ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns coa presenza da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo e representantes dos concellos colaboradores. Está previsto a realización de faladoiros, exposicións, obradoiros e actuacións musicais. Haberá servizo de autobús de balde desde o Milladoiro e desde as parroquias. Para poder utilizalo desde as parroquias é necesario reservar praza nos teléfonos 662 377 302 e 683 327 375 ou no enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal. Podes consultar aquí o programa de actividades. Tamén podes coñecer o horario, os relatores/as e os temas dos faladorios.
A OVA ultima os preparativos da I Feira do Voluntariado. Na solaina e nos xardíns do pazo colocaranse 20 carpas onde as distintas entidades participantes amosarán os seus proxectos, ofrecerán información do que significa e que trámites hai que seguir para facerse voluntario/a e realizarán faladoiros e actividades para todas as idades. Durante toda a feira poderá visitarse a exposición “Ames Coopera” e recolleranse bicicletas usadas para enviar a África. Os responsables da organización entregarán chapas, lapis e pulseiras conmemorativas aos visitantes.
A concelleira de Benestar e Igualdade, responsable da Oficina do Voluntariado, convida á veciñanza a achegarse á Feira para coñecer de primeira man os proxectos solidarios que se presentan e o que ofrece facerse voluntario/a: “Todos e todas temos cousas que aportar para que a nosa sociedade sexa máis xusta e igualitaria. Porén os beneficios son de ida e volta porque todas aquelas persoas que fan labores de voluntariado manifestan que o que lles aporta facer ese traballo solidario é moito máis do que dan. Eu convido a toda a cidadanía a que se anime a achegarse á Feira o venres e o sábado para coñecer non só os numerosos proxectos que se van presentar, senón tamén para mergullarse na filosofía do altruísmo, a cooperación e a axuda desinteresada”.
Autobuses desde Milladoiro e desde o rural
Co obxectivo de que a poboación teña máis doado achegarse ao Pazo da Peregrina onde se desenvolverá o evento, ofrécese un servizo de autobuses de balde desde o Milladoiro. Sairán da Casa da Cultura tanto o venres como o sábado, ás 16:30 e regresarán ás 21:00 horas. O sábado pola mañá sairán ás 10:00 horas e regresarán ás 13:30. Os autobuses pasarán tamén polas paradas habituais do rural. Para poder acollerse a este servizo dende o rural, é necesario reservar praza nos teléfonos 662 377 302 e 683 327 375.