Pestanas principais

Ditos, cancións e recitados con “Orella pendella” no Apego de Ames, o venres 30 no Milladoiro

Xoves, 22 de setembro de 2022

A compañía Migallas Teatro pecha o setembro do programa Apego amesán con “Orella pendella”, un obradoiro para familias con música en directo no que aprender ditos infantís, xogos, contos, recitados e cancións de sempre para interactuar coas crianzas, revitalizar o uso da lingua, e estimular a súa capacidade cognitiva e comunicativa. A actividade, dirixida ás nenas e nenos de 0 a 6 anos, terá lugar o venres 30 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 29 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

“Orella pendella” é unha sesión de narración oral e un taller para aprender e xogar cos ditos infantís e as cancións tradicionais, acompañadas de música en directo. Empregando os recursos recollidos na web orellapendella.gal, a compañía Migallas Teatro busca difundir a literatura popular infantil galega de xeito divertido, co fin de que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para as crianzas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 29 de setembro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego de outono de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Obradoiro Orella pendella para Apego con Migallas"

Enfoques: "El programa Apego lleva a Ames a Migallas Teatro y su Orella Pendella"

Ditos, cancións e recitados con “Orella pendella”

Multimedia

  • Ditos, cancións e recitados con “Orella pendella”