- Tematica
O Concello de Ames publicou a semana pasada o programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 440 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes repartidos por diferentes localidades galegas e na Aula da Natureza de Ames. Estas actividades desenvolveranse dende o 25 e xuño ata o 24 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 12 de abril. As inscricións poderanse tramitar a través da Sede electrónica, no catálogo de trámites: Campamentos 2025. Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
Os campamentos de verán son unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que proporcionar un achegamento ao medio natural, ao deporte e a cultura.
6 campamentos para o alumnado de primaria
Os/as rapaces e rapazas de primeiro de educación primaria poderán acudir do 1 ao 3 de xullo á Granxa escola Bergando, en Negreira. Para este campamento ofértanse 40 prazas e o prezo é de 100 euros. Para o alumnado de segundo de educación primaria ofrécese o campamento Corazón de Carballo, en Tomiño, dende o 21 ao 23 de xullo. Neste caso tamén se ofrecen 40 prazas por un prezo 100 euros/persoa.
Os rapaces e rapazas de terceiro de educación primaria poderán ir á Granxa Escola El Kiriko, en Fornelos de Montes, do 21 ao 24 de xullo. Ofrécense 40 prazas por un prezo de 135 euros por cada praza. Para a rapazada de cuarto de educación primaria programouse a estadía no campamento de Fervenzaventura, en Silleda, do 7 ao 11 de xullo. Dispoñen de 45 prazas cun prezo de 135 euros/persoa.
Para os rapaces e rapazas de quinto de primaria está dirixido o campamento de Muíño, en Narón, do 25 ao 30 de xuño. Neste caso ofértanse 50 prazas cun prezo de 180 euros/praza. Por último, a rapazada de sexto de primaria poderá acudir ao campamento Mar de Oleiros do 13 ao 18 de xullo. Para este campamento hai 60 prazas a un prezo de 180/persoa.
3 campamentos para a mocidade de secundaria e bacharelato
Por outra banda, para a mocidade de primeiro da ESO está dirixido o campamento de Abrente, en Portonovo, do 11 ao 17 de xullo. Para este campamento hai 35 prazas que contan cun o prezo de 230 euros/praza. O alumnado de segundo da ESO poderá acudir ao campamento de Mougás, en Oia, que se desenvolverá do 29 de xuño ao 5 de xullo. Para este campamento tamén se ofertan 35 prazas a un prezo de 230 euros/persoa. Para a mocidade de terceiro da ESO e bacharelato está programado o campamento Paisaxe II, no Grove, do 7 ao 13 de xullo. Neste caso ofértanse 45 prazas, que contan cun prezo de 230 euros/praza.
Campamento na Aula da Natureza
Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 1 ao 11 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 14 ao 22 de xullo. Ofértanse 25 prazas por quenda e levaranse a cabo de luns a venres, en horario de 11:00 a 17:30 horas. O prezo é de 60 euros.
Solicitude de praza
A solicitude de praza farase presentando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello (no catálogo de trámites: Campamentos 2025) ou nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). O código de solicitude corresponderase co número de rexistro de entrada. No caso de ser preciso a adxudicación de prazas mediante sorteo público, asignaráselle un número de participación que será publicado nas listas definitivas. O sorteo, de ser necesario, farase a través dunha aplicación informática.
O 10% das prazas están reservadas para o departamento de Servizos Sociais para casos de emerxencia social. Ademais, existen prazas para persoas con algún tipo de discapacidade. Os usuarios/as con discapacidade igual o superior ao 33%, de ser preciso, contarán con monitorado de apoio específico. Este monitorado non realizará tarefas sanitarias agás aquelas relacionadas coa autonomía persoal.