- Tematica
O venres 15 de outubro, ás 18.00 horas e ás 21.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, representarase a obra para adultos "Do pracer e da morte". Trátase dunha comedia da compañía A Feroz con vocación universilizadora da humanidade ante as dúas grandes ansias da súa existencia: a satisfacción das paixóns e a fraxilidade da vida. Os convites xa están dispoñibles na billeteira.
Tomando como guía a estrutura do “Xardín das Delicias” de El Bosco “Do pracer e da morte” fala da obediencia, da autoridade, da curiosidade, da subalternidade, do medo á extinción, da urxencia do desexo, da incerteza ou da praga.
Do pracer e da morte é unha danza da morte medieval onde mentres os corpos indagan nas dualidades gozo/dor, fe/desesperanza, virtude/vicio, etc. a palabra transita por unha ponte que une referencias e elementos dos derradeiros sete séculos coa percepción actual do gozo e a caducidade.
A función dura 90 minutos. As entradas xa están dispoñibles na billeteira.