Pestanas principais

Dous equipos do IES do Milladoiro estarán na final da décima edición do Club de Debate

Xoves, 07 de abril de 2022

Once conxuntos de diferentes centros de ensino secundario dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra e Teo participaron este pasado martes 5 e mércores 6 na fase clasificatoria do X Club de Debate. Do evento, celebrado na Casa da Cultura de Negreira, saíron seis finalistas, que disputarán a final do certame o próximo 6 de maio en Pontevedra. Neste senso, os equipos “Xente que fala” e “1,2,3 Milladoiro” do IES de Milladoiro estarán nesta fase final, ao remataren en segundo e terceiro lugar nas súas respectivas xornadas.

A Casa da Cultura de Negreira acolleu este pasado martes 5 e mércores 6 dúas xornadas de argumentacións, oratoria e traballo en equipo, ao disputarse a fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate. En total, participaron once equipos mixtos formados por rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO, de oito centros de ensino secundario dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra e Teo.

Seis equipos disputaron o primeiro día de debates, mentres que outros cinco participaron na sesión do mércores. Todos os conxuntos deberon defender ambas posturas (a favor e en contra) sobre un tema común, que nesta edición foi “A liberdade individual está por riba do interese colectivo?”. Cada día pasaron de ronda os tres equipos que sumaron unha maior puntuación do xurado, que valorou cuestións como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo ou a calidade lingüística.

Neste senso, na xornada do martes 5 pasaron a final o equipo do IES Punta Candieira de Cedeira, en primeira posición; o conxunto “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, que rematou segundo, e o grupo do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro, que acabou terceiro. Ademais, participaron os equipos “Papagaios”, do IES de Cacheiras de Teo; “Xeración do 69”, do IES de Ames, e o grupo 3B do IES do Milladoiro.

No segundo día, o mércores 6, foi o IES Sánchez Cantón de Pontevedra o que acadou maior puntuación do xurado; o grupo “Peripatéticos”, do IES Xulián Magariños de Negreira  quedou en segunda posición, mentres que o conxunto “1,2,3 Milladoiro” do IES do Milladoiro foi terceiro. Xunto a estes tres grupos, participaron o IES Sagrado Corazón de Praceres, de Pontevedra, e o conxunto “Abrapalabra”, do IES de Ames.

Ademais de pasar cada día á fase final tres equipos, os dous primeiros grupos que obtiveron unha maior puntuación recibiron un premio de 500 e 300 euros. Os seis equipos clasificados para a fase final que se celebrará en Pontevedra o próximo 6 de maio debaterán para obter un premio valorado en 1.500 euros e 1.000 euros.

Á entrega de premios de ambas xornadas asistiron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, así como persoal de normalización destes Concellos e os propios integrantes do xurado, que anunciaron as súas puntuacións á rapazada participante.

Ao peche dos dous días de debates, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quixo agradecer o esforzo do alumnado e do profesorado, así como o traballo realizado polos equipos de normalización e a organización do evento. Asemade, recalcou o importante papel da mocidade á hora de coidar e defender o galego. “Gustaríame darvos a noraboa a vós, a rapazada, a verdadeira protagonista desta actividade. Antes comentabamos que aquí hai incluso xente que comezou a falar en galego o xoves pasado, e iso é un orgullo tremendo. Temos un tesouro colectivo que entre todos e todas debemos coidar, e que vos animo a seguir empregando no voso día a día. Parabéns tamén aos neofalantes, tedes un papel importantísimo á hora de defender o noso idioma, e a todos e a todas as que vos ides sumando a este camiño tan bonito que é a defensa e o orgullo da nosa lingua”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pasan á final do debate mozos de Negreira, de Pontevedra e do Milladoiro"

Foto dos grupos participantes na segunda xornada do Club de Debate, o mércores 6

Multimedia

  • Foto dos grupos participantes na primeira xornada do Club de Debate, o martes 5
  • Foto do equipo "Xente que fala", do IES do Milladoiro, segundo na xornada de martes
  • Foto do equipo "1,2,3 Milladoiro", do IES do Milladoiro, terceiro na xornada de mércores
  • A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, intervindo no peche da fase clasificatoria