- Tematica
Os veciños de Ortoño Paula e Manuel Blanco Prol participaron os pasados sábado 6 e domingo 7 de maio no Open de Illescas de kickboxing, que serviu como segunda parada da Liga Last Round de kickboxing R2G, unha competición a nivel nacional deste deporte de contacto. Paula Blanco conseguiu un ouro e tres pratas na categoría absoluta, mentres que na categoría cadete menor o seu irmán Manuel Blanco levou un primeiro e un segundo posto.
Os irmáns Blanco Prol, veciños de Ortoño dende 2015, veñen de participar na segunda proba da Liga Last Round de kickboxing R2G, unha competición de nivel nacional avalada pola Federación Española de kickboxing, despois de que a finais de febreiro se celebrase a primeira parada desta liga en Santander, onde obtiveron resultados moi positivos.
No I Open de Illescas, disputado na propia vila da provincia de Toledo, Paula Blanco gañou a proba de “light contact” de -55kg, e nesta mesma disciplina conseguiu unha prata en -60kg. Ademais, en “pointfighting” rematou segunda nas modalidades de -55kg e -60kg, sumando un total de tres pratas e un ouro. Deste xeito, a deportista amesá mellora lixeiramente os seus resultados con respecto ao Open de Laredo, no que levara un ouro, dúas pratas e un bronce.
Pola súa banda, o seu irmán pequeno Manuel Blanco continúa a súa progresión na categoría cadete menor, na que conseguira dous ouros en “pointfighting” e “light contact” de -32kg na primeira parada desta liga nacional. Nesta ocasión, repetiu podio en “light contact” de -32kg, rematando segundo, mais sumou a estes méritos unha medalla de ouro en “pointfighting” de -37kg, unha categoría de peso superior ás que ía competindo nos últimos meses.