Pestanas principais

As dúas últimas xornadas de “Volta ao cole co comercio” terán lugar esta semana no Milladoiro e en Bertamiráns

Martes, 12 de setembro de 2023

As concellarías de Promoción Económica e Emprego, en colaboración con XEA, desenvolven por segundo ano consecutivo as xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local de cara ao inicio do curso lectivo. Nesta ocasión, a proposta alóngase durante catro días, e comprende actividades para a mocidade e para os cativos e cativas. As dúas xornadas para rapaces e rapazas a partir de doce anos xa foron celebradas a pasada semana, logrando un éxito de participación. Os días 6 e 7 ían ter lugar tamén as actividades para nenos e nenas. Finalmente, as xornadas foron adiadas por mor da previsión meteorolóxica, e desenvolveranse mañá, mércores 13, e o xoves, día 14. 

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, van acoller as xornadas “Volta ao cole co comercio” para cativos e cativas de ata 11 anos. Trátase de dúas tardes de actividades que teñen como obxectivo amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames.

As actividades terán lugar mañá, mércores 13, no Milladoiro, e o xoves 14 en Bertamiráns. Os nenos e nenas gozarán, en horario de 17:00 a 20:00 horas, de diversas propostas lúdicas: inchables, xogos do mundo e talleres de maquillaxe e tatuaxe. Os menores deberán ir acompañados por adultos, que poderán participar en sorteos de premios entre os que se inclúen agasallos de electrónica (auriculares, altavoces, USB...) e tamén vales de compra para empregar no comercio local.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “un ano máis, a proposta de ‘Volta ao cole co comercio’ está a ser un éxito. Nesta ocasión ampliamos de dous a catro días esta iniciativa, que serve para que os nenos e nenas se divirtan, para aliviar o peso económico que supón para os pais e nais o comezo dun novo curso escolar e tamén para dinamizar os nosos comercios locais. Invitamos a toda a veciñanza de Ames e da contorna a que se achegue o día 13 ao Milladoiro e o 14 a Bertamiráns”.

Gran acollida das dúas primeiras xornadas da iniciativa
As actividades de “Volta ao cole co comercio” para os maiores de 12 anos celebráronse os días 6 e 7 de setembro. A iniciativa reuniu a arredor dun total de 200 persoas, que gozaron dun toro mecánico, dunha barredora e tamén dunha holi party, a festa de cores. Así mesmo, tamén se repartiron vales e houbo sorteos con diversos premios.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, afirma que “esta é a primeira ocasión na que o departamento de Mocidade se adhire á iniciativa de ‘Volta ao cole co comercio’, e a valoración é moi positiva. O inicio do curso escolar supón para as familias un gran desembolso económico. Deste xeito axudamos aos pais e nais, á vez que dinamizamos as rúas e ofrecemos unha alternativa de ocio para a xuventude”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames acoge la 'Volta ao cole co comercio' para menores de 11 anos

Cartaz da Volta ao cole co comercio 2023

Multimedia

  • Cartaz da Volta ao cole co comercio 2023