- Tematica
Este xoves, 15 de decembro, celebrarase unha nova edición dos encontros literarios das bibliotecas municipais de Ames. Desta volta, a escritora Elba Pedrosa presentará a obra “Agora que cala a noite”. Será ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A autora estará acompañada por Xosé Antonio López Silva, profesor e crítico, e por César Lorenzo, editor e xornalista. O evento será presentado pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.
O departamento de Bibliotecas prosegue cos “Encontros literarios de Ames”, a súa proposta de animación á lectura para adultos. Nesta ocasión preséntase a obra “Agora que cala a noite”, o último libro da escritora e xornalista Elba Pedrosa, que está editado por Aira. A entrada é libre ata completar aforo.
“Agora que cala a noite” é un conxunto de relatos que se entrecruzan e que tratan sobre “voces de mulleres que berran, que se expresan, que se queixan e que se liberan. Voces que lle plantan cara á violencia machista en todas as súas facetas e que reclaman protagonizar as súas propias vidas”, contados a través dunha narración viva, directa e actual.
O encontro será presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, e Pedrosa estará acompañada por Xosé Antonio López Silva, profesor e crítico, e por César Lorenzo, xornalista e editor.
A autora: Elba Pedrosa
Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973) é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, e ten vinte anos de experiencia no sector da comunicación. Na actualidade colabora con distintos medios de comunicación, e ademais é actriz, bailarina e presentadora de televisión.
Comezou a súa andadura polo mundo literario no ano 2015, e conta con diversas obras publicadas tanto en galego como en castelán, entre as que destacan “O que non sabías” ou “Despertando la creatividad”.