Pestanas principais

A EMMA organiza o venres 25 de abril o IV Encontro de Escolas Municipais de Música

Martes, 08 de abril de 2025

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) está organizando un novo encontro coas escolas de música de Muros e Caldas de Reis. A xuntanza terá lugar o venres 25 de abril, ás 19:00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns. Trátase da cuarta edición deste encontro, que se vén celebrando dende o ano 2022 e que acadou gran éxito entre a veciñanza amesá. A EMMA está celebrando durante este curso o seu vinte aniversario.

Música na praza, así se denomina o acto co que a comunidade educativa da Escola Municipal de Música de Ames dará a benvida ao alumnado das Escolas Municipais de Música de Muros e Caldas de Reis. Arredor de 100 alumnos/as das tres escolas de música participarán no evento. En total, o concerto durará arredor de 70 minutos, e cada escola participante terá un máximo de 20 minutos para a súa actuación.

Este evento é unha oportunidade excepcional para compartir a paixón pola música e gozar dun ambiente de convivencia entre alumnado, profesores e familias doutros concellos. Ademais, será unha gran ocasión para coñecer e aprender doutras escolas de música. O concerto celebrase o venres, 25 de abril, ás 19.00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns.

A Escola Municipal de Música de Muros fará varias actuacións co combo de nenos/as e o combo de adultos. Por outra banda, a Escola Municipal de Música de Caldas de Reis participará coa súa agrupación de guitarras. A escola de música amesá, a EMMA, participará coa agrupación de violíns, o combo xuvenil, o combo de adultos, e o combo “Nunca é tarde”.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "A EMMA organiza o venres 25 de abril o IV Encontro de Escolas Municipais de Música"

A EMMA organiza o venres 25 de abril o IV Encontro de Escolas Municipais de Música

Multimedia

  • A EMMA organiza o venres 25 de abril o IV Encontro de Escolas Municipais de Música