Pestanas principais

Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da EMMA, entre as finalistas do certame musical “Quero Cantar” organizado pola Deputación da Coruña

Sábado, 22 de marzo de 2025

O Teatro Colón da Coruña acollerá este vindeiro domingo 6 de abril, ás 18.00 horas, a gala final da oitava edición do concurso de música infantil e xuvenil “Quero cantar”, organizado pola Deputación da Coruña. Entre as finalistas, atópanse as amesás Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e que foron escollidas entre as tres mellores propostas desta edición na categoría xuvenil coa súa canción “Preto de ti”. Os convites para asistir á gala son gratuítos e poderán retirarse nas vindeiras xornadas a través da páxina web www.ataquilla.com.

As alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, Emma Pérez e Candela Caamaño, figuran entre as propostas finalistas da oitava edición do concurso “Quero Cantar”. As amesás foron escollidas entre as tres mellores propostas do certame na categoría xuvenil coa súa canción “Preto de ti”. Emma e Candela compuxeron esta peza ao longo das sesións colectivas de “Escribe as túas propias cancións” e, dende o primeiro momento, reflectiron unha gran paixón pola música e unha gran motivación por crear as súas propias composicións.

Deste xeito, o Teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro domingo 6 de abril, ás 18.00 horas, a gala final onde as formacións e solistas finalistas interpretarán os seus temas para deleitar ao xurado no veredicto definitivo.  

Por outra banda, o evento estará presentado por Soledad Felloza e contará coa actuación de Daniela Montes, gañadora o ano pasado do certame na categoría xuvenil. A asistencia á gala será de balde, mais é preciso retirar previamente o convite a través da páxina www.ataquilla.com. Ao longo das vindeiras xornadas habilitarase a retirada das invitacións.

Sobre o certame e o xurado
O xurado desta VIII edición do Quero Cantar está composto por profesionais do mundo musical e que contan cunha ampla traxectoria neste ámbito: as Tanxugueiras, Hugo Guezeta e Jose Carballido.

Por outro lado, o certame está composto por dúas categorías; infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta) e xuvenil (de 13 a 16 anos), na que compiten as dúas alumnas da EMMA. Na gala final, o xurado contará coa presenza de mozos e mozas do mesmo rango de idade que os finalistas de cada categoría.

Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da EMMA, entre as finalistas do certame musical “Quero Cantar” organizado pola Deputación da Coruña

Multimedia

  • Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da EMMA, entre as finalistas do certame musical “Quero Cantar” organizado pola Deputación da Coruña